Site icon Crónica3.com A Mariña

O Hospital da Mariña incrementará os seus recursos tecnolóxicos coa dotación dunha resonancia magnética fixa

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022. No marco da renovación e dotación do novo equipamento diagnóstico para o Servizo Galego de Saúde, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara referida á atención sanitaria na Mariña lucense, que o Executivo galego incluirá unha resonancia magnética fixa para o Hospital Público desta comarca e, a tal efecto, está previsto que as actuacións necesarias para a súa instalación se inicien xa neste ano.

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, nos últimos anos, os servizos no Hospital da Mariña son máis e mellores, e os investimentos na reforma e ampliación do centro son “a constatación da aposta da Xunta de Galicia por contar cun centro cada vez mellor dotado”.

En canto aos servizos que se foron incorporando nestes anos, o conselleiro destacou o gran paso que supuxo que os pacientes oncolóxicos fosen atendidos integramente na Mariña.

En materia de infraestruturas, a Xunta leva investidos, -remarcou García Comesaña-, 15 millóns de euros neste centro da rede do Sergas para a súa reforma, ampliación e equipamento. Ademais, está xa adxudicado o proxecto para dar comezo a segunda e terceira fase do plan funcional, cun investimento previsto doutros 15 millóns de euros.

No ámbito da atención primaria, o conselleiro destacou que neste nivel asistencial, a Consellería de Sanidade está a tomar numerosas medidas para mellorar a organización e optimizar os recursos, como consecuencia do déficit de profesionais existentes a nivel de todo o Estado.

Exit mobile version