Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento demanda ao Goberno central que a frota da pescada Sur poida acceder ás axudas anunciadas para a frota do Mediterráneo

Santiago, 15 de marzo de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a articulación dunha liña de axudas para a frota da pescada Sur no senso da anunciada para compensar as perdas económicas da frota de arrastre do Mediterráneo. O deputado popular José Manuel Balseiro lamentou “o agravio comparativo entre as frotas españolas cometido polo Goberno de Pedro Sánchez, xa que Galicia asumirá o 63 por cento do impacto dos recortes acordados para a frota comunitaria, o que suporá un impacto na economía galega de 16 millóns de euros”.

Balseiro lembrou que “o resultado do acordo sobre as posibilidades de captura para a frota comunitaria en 2022 é verdadeiramente escaso e limitado para Galicia e tradúcese en recortes para as especies de maior interese comercial ou estabilidade das cotas nas especies complementarias ou accesorias”.

En concreto, sinalou que o impacto destes recortes nas cotas do Cantábrico Noroeste e en augas de Francia engádese ao xa sufrido polas rebaixas de anos anteriores, como as de 2021 que se cifran en 26 millóns de euros. “E o resultado puido ser aínda peor se España non fixera valer os informes socioeconómicos elaborados pola Xunta”, apuntou.

“Para compensar esta redución de cotas, o Ministerio de Pesca permite que a frota do Mediterráneo acceda a axudas europeas”, indicou o deputado popular, quen incidiu en que “pedimos que se trate en igualdade de condicións a todas as frotas nacionais”.

CONVOCATORIA DO GRUPO DE TRABALLO

Así, Balseiro solicitou que a frota da pescada galega “poida acceder a axudas para establecer paradas temporais, do mesmo xeito que tamén a frota que faena en augas do Cantábrico poida beneficiarse destas axudas, fronte á proposta inicial que limita a súa aprobación a augas do Mediterráneo e do Golfo de Cádiz”.

Diante desta situación, o deputado popular considerou “lóxico a convocatoria do Grupo de Traballo do Cantábrico-Noroeste, para analizar e articular posibles axudas para a flota afectada pola redución do TAC da pescada Sur”. “A Consellería do mar xa trasladou esta petición na Conferencia Sectorial celebrada o pasado 22 de xullo, de xeito que se previra a posibilidade de implantar paralizacións temporais no Cantábrico-Noroeste e, por conseguinte, se dese axudas para evitar un agravio comparativo co Mediterráneo”, manifestou.

Exit mobile version