Site icon Crónica3.com A Mariña

“Sós” de Malasombra producións, este sábado en Burela

Burela, 25 de marzo, 2022. Dentro da Programación Cultural do Concello de Burela, o vindeiro sábado, teremos a Cía. Malasombra Producións. Fundouse no ano 2006 polo actor Xoque Carbajal. Hoxe, despois dunha década, afianzado o proxecto empresarial que non só xera cultura e ilusión, senón tamén postos de traballo, converténdose nunha das compañías con maís distribución en Galicia.
Malasombra defende a comedia, pero faino como un medio de comunicación co público e non só como un fin. O humor permite relaxar os sentidos e axuda a que as mensaxes cheguen ao receptor sen que este teña as defensas pechadas. É o mellor vehículo para transportar as historias, incluso as máis duras.

“SÓS”, é unha reflexión, por veces cómica e por veces máis dramática, sobre a vellez, sobre a convivencia, e sobre a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.

“SÓS” conta a historia de Fermín e Marcelino, dous homes octoxenarios que se ven obrigados polas circunstancias a compartir piso.

Os dous anciáns non se coñecen previamente, os dous teñen un carácter totalmente diferente, levaron vidas diferentes e teñen costumes e hábitos absolutamente diferentes, polo que a súa convivencia non vai ser fácil , aínda que non lles vai quedar máis remedio que aprender a tolerarse, porque a pesar de que hai moitas cousas que os separan, teñen algo moi importante que os une: os dous están sos e necesítanse mutuamente para saír adiante.

Fermín e Marcelino representan dous modelos de vida distintos, case opostos, que facilmente podemos recoñecer no noso entorno.

Marcelino representa ao home máis tradicional, dos que tiveron un só traballo durante toda a vida, e unha muller tamén para toda a vida.

Fermín, pola contra, representa un home máis de “mundo”. Emigrou ao estranxeiro, nunca se casou e a súa vida nunca tivo estabilidade, en contraste coa vida de Marcelino, no que a estabilidade foi o seu ben máis abundante.

Todos coñecemos a algún “Marcelino” e a algún “Fermín”. Dúas maneiras de ser e de vivir que chocan nun mesmo apartamento compartido. Dúas personalidades opostas, pero cunha necesidade en común: a necesidade humana de sentirse acompañado.

Ficha técnica:

-Autor: Jose Prieto.
-Dirección: Xoque Carbajal e Jose Prieto.
-Escenografía: Kukas.
-Elenco artístico: Marcos Orsi e Jouse García.

-Clasificación: Teatro/ Comedia.
-Público: Adulto.
-Duración: 70 minutos.

As entradas en taquilla a partir das 20 horas.
Prezo: 3.5 euros.

Exit mobile version