Site icon Crónica3.com A Mariña

“Unha mañá en Trabada”, por Xabier Grandío

Para os que vivimos no centro da Mariña, ir a Trabada supón un salto dunha certa entidade, se non temos familiares alí. Dende Foz só hai 30 quilómetros, pero gran parte deles (ou todos, segundo a ruta) por estrada. Ademais, a vila non é lugar de paso para ninguén, a non ser que un sexa peregrino e faga o Camiño do Norte; a Trabada hai que ir.

A estrada que sae de Barreiros e que sube até chegar ao termo municipal de Trabada atravesa Insua e a Fórnea, a través dunha paisaxe de prados para paceren as vacas e eucaliptais, coincidente co que atopamos no resto da comarca.

Cando un chega á vila de Trabada, decátase que este é un punto de referencia como outro calquera dos moitos que se crearon durante o reinado de Isabel II para acoller as institucións civís. Existe unha rúa principal con algúns saíntes nos que hai un comercio-administración de lotaría, farmacia, centro de saúde, supermercado e unha cafetaría-restaurante reaberta recentemente. Este é, en esencia, un núcleo para ofrecer os servizos básicos á poboación dun concello que, doutra maneira, tería que percorrer moitos quilómetros.

Sen embargo, e máis alá das vistas panorámicas, que son bonitas, hai un motivo de peso para visitar Trabada: o Museo Etnográfico José Rocha. Inaugurado o ano pasado, é o resultado do almacenamento deste veciño durante décadas de distintos obxectos relacionados co modo de vida dos habitantes da zona.

O resultado, ao meu entender, é bo, e con nota. A entrada custa 1,50 euros, pero cando un sae, despois dunha hora de visita, faino coa sensación de que pagou a pena. A maiores da colección de ferramentas de traballo no campo, tamén hai unha representación das antigas lareiras, dos traballos domésticos e a aula dunha das antigas escolas rurais. Un punto imprescindible, para sacar o máximo partido á visita, é ver os vídeos “A vida de antes” onde distintos veciños do concello falan do que supoñía cada unha das áreas nas que se divide o museo e que se teñen que ver en conxunto a medida que se avanza. Este é un museo que aconsello para toda a familia, porque traerá lembranzas aos avós, interesará aos pais e suscitará a curiosidade dos máis pequenos. A única pexa que poño e que convén mellorar é a do tratamento do galego escrito nalgúns paneis informativos, con erros ortográficos evitables.

A visita a Trabada, repousada, con calma e tomando o tempo necesario para ver e entender, é unha boa opción se un quere coñecer un dos recunchos esquecidos da Mariña, pero non por iso exento de interese. Queda pendente outra visita para facer sendeirismo.

Exit mobile version