Site icon Crónica3.com A Mariña

Vía Alfoz pregunta ao Concello polas obras de obras de conservación da fonte da Grela

Alfoz, 28 de marzo de 2022. VIA Alfoz, vén de solicitar ao goberno municipal de Alfoz o acceso á documentación completa do expediente de Obras de Conservación e Mantemento na Fonte da Grela, coa intención de poder aclarar o alcance das obras, que está a preocupar á veciñanza deste barrio da Parroquia de Lagoa.

Xa no Pleno do 29 de xaneiro de 2022, VIA Alfoz, formulou unha pregunta relacionada citada Fonte da Grela, xa que “as obras que se van a realizar na mesma poden supoñer a desaparición dun elemento etnolóxico como o que representan os lavadoiros públicos.

Desde VIA Alfoz recordan que a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no seu artigo 91, apartado 3, indica que se presume o valor etnolóxico de diferentes bens, estando entre eles as fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional, tal e como indica o subapartado d. Aínda así, no expediente ao que tivo acceso o Grupo Municipal, indícase que o ben non está catalogado, “se ben non se atopa ningún informe de Patrimonio Cultural sobre idoneidade das obras nin da súa posible catalogación como ben etnolóxico”.

Na nomeada sesión plenaria indicouse por parte do Alcalde Jorge Val, tal e como indica a correspondente acta, que se vai “volver a ter o pío de pedra e o lavadoiro de toda a vida, e a lastra. O tema é que non nos dan permiso para cambiar a estrutura, non podemos facela de novo, pero vaise a mellorar”, se ben na documentación do expediente indicase “que se van demoler os actuais lavadoiros e non se van repoñer, ademais, non aparece ningún informe sectorial que condicione o cambio de estrutura indicado”.

Por outro lado, desde VIA Alfoz non entenden como desde o goberno municipal se afirma, en alusión a outro dos lavadoiros existentes no concello, que “o lavadoiro de As Oiras é da Asociación e o amañaron eles”, mentres que no expediente da Fonte da Grela “non aparece certificación da propiedade por parte do Concello, nin a comunicación enviada por Infraestruturas Agrarias aclara a súa titularidade” tal e como indican desde VIA Alfoz, engadindo que “tampouco hai constancia de que esta construción apareza no Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Alfoz”.

Coa presentación deste escrito, desde VIA Alfoz agardan poder aclarar estas cuestións antes do inicio das obras.

Exit mobile version