Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino demanda que a Consellaría de Educación oferte unha praza de atención preferente no CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove

A Mariña, 26 de abril, 2022. A CIG-Ensino considera que a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo é chave para a mellora de calidade educativa así como garante da igualdade de oportunidades.

Na mesa sectorial de educación que se desenvolveu o martes 26 de abril, a CIG-Ensino reclamou á Consellaría de Educación que oferte unha praza de Audición e Linguaxe no centro CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove.

Na convocatoria presentada por parte da Consellería non se inclúe a praza do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove para a súa cobertura como posto de escolarización de alumnado preferente. Unha vez que a CIG-Ensino soubo desta necesidade, procedimos a reclamar esta praza na mesa sectorial. A Consellaría aceptou recoller a nosa achega e reconsiderar a súa decisión inicial.

Ademais puxemos de manifesto as carencias no sistema de información e comunicación dos centros. Solicitamos na mesa sectorial aumentar o prazo para que a comunidade educativa participe na revisión das prazas ofertadas e poder así formular as solicitudes e achegar os informes pertinentes.

Entendemos que é obriga da Consellaría de Educación garantir a axeitada atención educativa ao alumnado dos centros da Mariña, especialmente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Non facelo así vén a vulnerar o dereito á educación básico das persoas, ademais de afondar na falta de oportunidades e na desigualdade das zonas rurais respecto ás persoas que viven nas cidades.

Exit mobile version