Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG pide a reapertura do SMAC – servizo de mediación arbitraxe e conciliación en Viveiro

A Mariña 25 de abril de 2022. Na xurisdición laboral a conciliación, que ten lugar no SMAC, é unha fase previa ao proceso xudicial que constitúe o intento de alcanzar un acordo satisfactorio para ambas as partes en relación co contrato de traballo asinado entre empresario e traballador, en materia de despedimentos, sancións disciplinarias, contías salariais ou recoñecemento de dereitos en xeral.

O pasado 14 de marzo de 2020 as conciliacións no SMAC suspendéronse coa declaración do estado de alarma. A partir do 22 de maio dese ano retomouse a celebración de conciliacións no SMAC con un sistema de cita previa e seguindo os protocolos especifico de protección fronte á Covid. O SMAC de Viveiro permaneceu pechado, obrigando a traballadores e traballadoras, asi como empresarios e empresarias, profesionais do dereito, de asesorías sindicais ou de bufetes e xestorías da Mariña, a desprazarse ata Lugo para cumprir con esta fase do proceso, o que supón un custo engadido tanto en cartos como en tempo.

En resposta a unha consulta realizada polo Concello de Viveiro en abril de 2021 a Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, da que depende este servizo, sinalou que está previsto o restablecemento do servizo no Concello de Viveiro “en canto as circunstancias actuais o fagan aconsellable”.

Desde a CIG consideramos que, dous anos despois do seu peche e un desde a comunicación da Consellería, as circunstancias cambiaron o suficiente para que este servizo se recupere de inmediato, polo que solicitamos a reapertura do SMAC de Viveiro.
Por iso convocamos unha concentración que terá lugar mañá martes dia 26 de abril ás 12:00h. diante do edificio dos Xulgados en Viveiro.

Exit mobile version