Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta organizou diversas visitas escolares ao Centro de Formación Pedro Murias para conmemorar o Día da Árbore

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022. O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, dependente da Consellería do Medio Rural, acolleu diversas visitas escolares durante a pasada semana forestal para conmemorar o Día Internacional da Árbore, que se celebra o 21 de marzo de cada ano.

Así, os alumnos do IES Dionisio Gamallo, en Ribadeo, e dos colexios públicos de San Miguel de Reinante e de San Cosme, ambos no municipio de Barreiros, puideron ver a execución de traballos en altura, concretamente a recollida de piñas na parte alta do ciprés (Cupressus macrocarpa) característico deste centro, que foron baixadas mediante unha tirolesa ata os rapaces.

Seguidamente, os nenos plantaron distintas árbores no arboreto que ten o propio centro e no invernadoiro sementaron distintas variedades de cipreses. Así mesmo, participaron nun taller de elaboración de papel reciclado. Por último, aproveitando a súa visita a este centro, os estudantes realizaron un percorrido polas instalacións do centro, coñecendo a aula de produtos lácteos, a explotación de vacún e o taller de maquinaria agrícola e forestal.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural conmemorou a semana forestal con varias plantacións de especies autóctonas por toda Galicia. Tamén se celebraron unhas videoxornadas centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no Inventario forestal continuo de Galicia. Estas citas contaron coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e con outros representantes de diferentes departamentos da Xunta, como da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou do Instituto Galego de Estatística. Ademais, participaron expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal da nosa comunidade.

Exit mobile version