Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta solicítalle ao Concello de Burela a documentación municipal necesaria para impulsar a execución do novo colector e mellorar o saneamento, que suporá un investimento de 5,2 m€

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022. A Xunta vén de solicitarlle ao Concello de Burela a documentación municipal necesaria para avanzar cara á execución do novo colector xeral e mellorar así o saneamento, o que suporá un investimento autonómico de 5,2 millóns de euros.

Augas de Galicia remitiulle ao Concello unha misiva na que se lle require a realización dos trámites pertinentes para o desenvolvemento das obras, entre eles, o trámite de información pública, mediante a publicación do anuncio no Boletín Oficial da provincia por un prazo de 20 días hábiles. Unha vez rematado este procedemento, a Xunta deberá recibir un certificado do seu resultado.

O Concello tamén debe achegar o certificado do Pleno onde se adopten os acordos da aprobación do proxecto da obra e de asumir a explotación e conservación das actuacións. Tamén será preciso que a Administración local envíe a documentación acreditativa da dispoñibilidade de terreos para a execución das intervencións.

A Xunta solicita estes trámites municipais co obxectivo de poder avanzar na licitación das obras.

Actuacións
O obxectivo das actuacións é reforzar a capacidade dos colectores existentes, evitando os alivios sen tratamento previo e concentrando nun único punto as augas a tratar para o seu envío á depuradora, funcionando como bombeo de cabeceira. O prazo de execución dos traballos é de 15 meses.

Para isto, acometerase unha estación de bombeo e tratamento de augas residuais que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.

A intervención tamén inclúe a renovación da rede de colectores xerais de saneamento para dirixir as augas residuais á nova estación, e a execución de novos colectores secundarios para dar servizo de saneamento á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema.

Ademais, construiranse unha impulsión á nova depuradora, unha condución de vertido entre a nova instalación e a depuradora actual e un bombeo secundario e a correspondente impulsión da zona adxacente á lonxa.

Nova depuradora
A execución do colector xeral complementarase coa nova depuradora de Burela, cuxo proxecto está xa redactado e actualmente en fase de supervisión.

A nova instalación, que virá resolver as deficiencias da actual planta, incluirá sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.

A nova planta de tratamento de augas residuais situarase na zona de servizo do porto de Burela nunha parcela duns 3.500 m² nas inmediacións do novo viario de acceso ao porto.

Augas de Galicia impulsa estes traballos de mellora do sistema de saneamento deste municipio lucense en apoio ás competencias municipais en materia de saneamento e depuración.

Exit mobile version