Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada a reunión que coordina os dispositivos de seguridade para o Viveiro Music Fest e a Semana Santa

Viveiro, 4 de abril de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, copresidiu hoxe, xunto coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a Xunta Local de Seguridade que analizou os dispositivos preparados neste concello para velar pola seguridade durante dous eventos que se van celebrar neste mes de abril e aos que está prevista a afluencia de numerosas persoas. Trátase do Viveiro Music Fest, que terá lugar en Celeiro o vindeiro venres, día 8, así como das distintas procesións e outros actos conmemorativos da Semana Santa vivairense.

A Xunta Local de Seguridade examinou a programación dos dous eventos, así como os puntos nos que se pode producir maior concentración de persoas e coordinouse o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia con motivo destes eventos. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello participaron, ademais da subdelegada do Goberno e a alcaldesa, responsables de Seguridade do Concello, da Policía Nacional, o Subsector de Tráfico e a Garda Civil do Mar, a Policía Local, a Policía Autonómica e a Policía Portuaria, xunto con representantes da organización do Festival e da Xunta de Confrarías de Viveiro.

Ademais dos operativos para os dous eventos, que segundo as previsións reunirán en Viveiro a gran número de persoas, a Xunta Local de Seguridade analizou a situación da seguridade cidadá neste concello e os plans operativos que desenvolve a Secretaría de Estado de Seguridade.

Segundo as estatísticas da Policía Nacional, en 2021 rexistráronse un total de 332 infraccións penais, das que 124 foron delitos graves ou menos graves e 208 delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia recuperou taxas semellantes ás rexistradas antes da pandemia, logo do gran descenso da criminalidade experimentado en 2020 coincidindo coas restricións á mobilidade por mor da declaración do estado de alarma durante a primeira etapa da pandemia.

O aumento no número de delitos en 2021 foi do 45,6%, respecto ao ano anterior, cando se rexistraran un total de 228 infraccións. Cabe destacar que tamén en Viveiro se observa un fenómeno que vén producindo en todo o pais desde o comezo da pandemia. O importante aumento nos ciberdelitos. De feito, o incremento máis destacado é o relativo ás estafas leves con tarxetas de crédito, débito e cheques de viaxe, que subiron un 154%, ao pasar de 37 no ano 2020 a 94 en 2021.

“En definitiva, como advertía o ano pasado ao analizar a evolución da criminalidade de 2020, non podemos ser triunfalistas, a delincuencia mantense en taxas semellantes ás anteriores ao estado de alarma, agás ao referido á ciberdelincuencia que experimentou un acusado incremento ao tempo que se xeneralizou o uso das novas tecnoloxías para teletraballar, relacionarse, facer compras e no ocio”, resumiu a subdelegada.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Isabel Rodríguez tamén informou da situación da violencia de xénero no concello. Así, detallou que, de acordo coas estatísticas da Policía Nacional, en 2021 rexistráronse un total de 14 denuncias por violencia de xénero, son 6 menos que un ano antes, cando foran 20. E informou de que no que levamos do ano 2022 xa son 4 as denuncias presentadas por violencia de xénero.

PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE

En canto ao Plan Director para convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos no que se desenvolve unha programación dirixida á comunidade educativa, en 2021 a actividade foi fundamentalmente telemática, debido á pandemia, e houbo 21 accións formativas. No que levamos deste curso escolar son 22 as charlas realizadas.

A evolución da pandemia condicionou tamén o desenvolvemento do Plan Maior, que inclúe actividades dirixidas a fomentar hábitos que aumenten a seguridade das persoas maiores. En 2021 foron 18 as reunións deste tipo celebradas con institucións, residencias e profesionais e no que levamos de 2022, desde a Comisaría Local de Viveiro fixéronse 2 reunións cos mesmos colectivos.

Exit mobile version