Site icon Crónica3.com A Mariña

Localizado sen vida o propietario da vivenda calcinada por un incendio en Viveiro

Viveiro, 18 de abril, 2022. Aparece sen vida o propietario da casa devorada por un incendio no lugar da Aldea, en Viveiro.

Os equipos de emerxencias deron co cadáver do señor despois de retirar os restos provocados polo lume e logo de descartar que a persoa estivese noutro lugar cando se produciu o suceso.

Unha situación da que informou un veciño ao 112 Galicia contra as seis desta madrugada, cando se decatou de que estaba a arder a casa de fronte. A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia enviaron avisos aos Bombeiros de Viveiro, quen, xunto cos membros do GES de Cervo e do servizo local de Protección Civil, asumiron a extinción dun incendio que se presentaba complexo debido a que a parte superior da casa estaba colapsada e rematara por derrubarse.

Deste xeito, ademais de apagar o lume, era necesario desentullar para poder comprobar se, efectivamente, había alguén dentro da casa. As sospeitas confirmáronse preto do mediodía, cando os efectivos de emerxencias atoparon dentro do inmoble o corpo sen vida do dono da casa.

Arestora, os corpos e forzas de seguridade, Policía Nacional e Local, traballan para recoller todos os datos relacionados con este sinistro. Igualmente, no punto continúan os efectivos de extinción, pois os danos son cuantiosos debido ás dimensións e á situación na que quedou o inmoble.

Exit mobile version