Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves aprobarase en Ribadeo, nun pleno extraordinaro, un incremento de 150.000@€ para facer fronte “aos sobre custes producidos polas fortes subidas da luz e dos combustibles”

Ribadeo, 6 de abril de 2022. Mañá, 7 de abril, terá lugar un pleno extraordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran varias propostas de carácter económico en suplementos de crédito financiados con remanentes de tesourería, segundo deu a coñecer o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.

O edil ribadense explicou que “mañá, xoves, levaremos ao pleno extraordinario no Concello de Ribadeo varias propostas de carácter económico consistentes en suplementos de crédito financiados con remanentes de tesourería, é dicir aforro de exercicios anteriores, que veñen a ser ampliacións do orzamento do 2022 para atender por unha banda, facturas do 2021 que entraron posteriormente a pecharse o exercicio, incluso a maioría xa no ano 2022, e para o que hai que seguir o procedemento establecido dun recoñecemento extraxudicial de crédito. Tamén levamos a esta sesión a amortización extraordinaria de préstamos de exercicios anteriores para inversión por importe de 425.000 euros para reducir débeda”.

Pablo Vizoso indicou que “imos aprobar a liquidación do ano 2020 do Centro de Atención a Maiores (a nova residencia) en base ao convenio coa Deputación de Lugo, ademais da achega a diferentes asociacións ás que pertence o Concello. No pleno tamén aprobaremos incrementar en 150.000 euros as partidas de subministros para facer fronte aos sobre custes producidos polas fortes subidas da luz e dos combustibles”.

O concelleiro de Economía subliñou que “incluiremos ademais fondos para financiar varios informes técnicos, compras de contedores, pintado das luminarias do paseo marítimo, campañas de apoio ao comercio local ou o mantemento de camiños, entre outros; e a achega complementaria do Concello a varias subvencións e axudas solicitadas á Xunta e para que as que confiamos que desta vez estea á altura do agardado e as conceda para Ribadeo.

Este último punto supón un incremento do orzamento por valor de máis de 800.000 euros, que serán sumados aos case 10 millóns de euros iniciais para seguir traballando por un Ribadeo mellor cada día”.

Exit mobile version