Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo valora a decisión de Altri de elixir Palas de Rei como a mellor localización posible para o complexo de fibras téxtiles, “o proxecto next generation máis importante” da candidatura galega aos fondos europeos

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a decisión empresarial de Altri de elixir Palas de Rei como a mellor localización posible para o complexo de fibras téxtiles, “o proxecto Next Generation máis importante” da candidatura galega aos fondos europeos.

Tras unha reunión co CEO da empresa, José Soares de Pina, Feijóo afirmou que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte de Altri, dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así, ademais, coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo.

“Estamos a falar dun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos”, precisou, incidindo na enorme importancia desta planta para a Comunidade, ao converterse na única fábrica de fibras téxtiles de España.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que se trata dunha nova “desexada e traballada” desde hai moito tempo e fixo fincapé na necesidade de “pechar” este proxecto, sendo non só candidato, senón adxudicatario de fondos europeos. “Necesitamos ao Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”, abundou.

Nesta liña, aseverou que a Administración autonómica, no seu ámbito de competencias, seguirá comprometida e traballando para avanzar en todas as fases do seu desenvolvemento.

O titular do Goberno galego concluíu agradecendo a Altri a decisión de investir en Galicia, cun proxecto co que a Comunidade aspira a sumar o 3% da produción mundial de fibra sostible.

Cómpre salientar que este proxecto sustentable que forma parte do Polo para a Transformación de Galicia foi impulsado pola Xunta de Galicia coa axuda da Sociedade Impulsa, mecanismo público-privado participado pola propia Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.

Exit mobile version