Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego demanda ao Goberno central a revisión dos coeficientes redutores dos traballadores do mar

Santiago, 27 de abril de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a iniciar o proceso de revisión dos coeficientes redutores dos traballadores e traballadoras do mar, adecuando os mesmos as circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola.

O deputada popular José Manuel Balseiro lembrou que “o ordenamento xurídico vixente en España contempla a posibilidade de que os traballadores do mar e outros colectivos perciban unha pensión de xubilación antes de cumprir a idade de 65 anos, é dicir, antes de cumprir a idade mínima de xubilación esixida para o réxime xeral da Seguridade Social”.

RECOÑECEMENTO LEGAL E XUSTO

“Trátase do recoñecemento legal e xusto a uns traballadores que, como acontece noutros sectores, realizan ao longo da súa vida profesional actividades de natureza especialmente penosa ou insalubre, ou que lles obrigaran a unha continua separación familiar ou afastamento do fogar”, concretou.

Diante desta situación, a proposición no de lei aprobada hoxe demanda ao Goberno central que revise e actualice os coeficientes redutores para os profesionais do mar porque “a normativa está obsoleta ao non contemplar nin recoller dun xeito axeitado os cambios substanciais que modificaron as circunstancias nas que se desenvolve nos últimos anos a actividade profesional no ámbito marítimo-pesqueiro”, sinalou José Manuel Balseiro.

Ademais, apuntou que “cómpre revisar esta normativa porque se dan situacións de incoherencia grave entre a práctica pesqueira real e a contemplada na normativa”, como a presenza de buques baleeiros, agravios comparativos entre busques do mesmo caladoiro e coa mesma arte ou a ampliación dos colectivos beneficiarios destes coeficientes redutores, como redeiras, mergulladores ou gardacostas.

O GOBERNO CENTRAL SEGUE SEN CUMPRIR

Balseiro recordou que o Parlamento galego xa aprobou por unanimidade no mes de febreiro unha proposición non de lei coa mesma solicitude, “pero o Goberno central segue sen cumprir o acordo”. “Falan de boquilla e o PSdeG vota a favor das nosas iniciativas, pero despois negan a pan e o sal ao sector pesqueiro galego”.

“É hora de que este Goberno de Pedro Sánchez, que se di progresista e que afirma que non deixa a ninguén atrás, mire por sacar adiante este asunto que o anterior Goberno de Mariano Rajoy deixou encarrilado”, sinalou o deputado popular, quen indicou que “non só deben preocuparse de subir os custes da cotización, senón tamén de ampliar as prestacións”.

Exit mobile version