Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro insiste en programar mantementos de estradas, como no caso de Magazos

Viveiro, 19 de abril, 2022. Veciños e veciñas de Magazos, puxéronse en contacto coa concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, para expresar o seu malestar de como se atopan as estradas que van cara as súas vivendas.

Así é que en Magazos, no tramo de estrada que vai desde o camiño da Cruz en Rúa Nova a camiño de Vilamarcol de Arriba, fai anos que non se repón o seu firme e así o demostra o seu estado onde se pode ver a masa asfáltica levantada en gran parte da súa superficie coa herba medrando na mesma. Ademais do mal estado do asfalto, podemos observar a vexetación que asolaga esta estrada por ambas marxes, o que demostra que tampouco leva un mantemento regular e continuo esta estrada.

“Prazos, obxectivos e mantementos axendados son a clave para a conservación e mellora das estradas municipais”, afirmou Míriam Bermúdez concelleira do BNG, “o mal estado e abandono das estradas de Viveiro teria fácil solución si o Goberno Municipal deixase a improvisación e contase cun Plan de Mantemento como o que presentamos desde o BNG no seu dia,” afirma Míriam, quen comenta que “este Plan de Estradas do BNG conta con políticas estruturadas e obxectivos fixados a curto, medio e longo prazo”. E remarca como “moi positivo para Viveiro contar cunha planificicación para que o mantemento das estradas do concello funcionase debidamente, pois actualmente só funciona baixo denuncia pública e a veciñanza o fai visible”.

Este Plan de Mantemento de Estradas Municipais que presentou o BNG, rexeitado por María Loureiro, consta de 3 puntos clave:

. Mantemento: labores rutinarias que se repiten anualmente como traballos de diagnose da estrada, limpeza de beiravías, limpeza dos sinais verticais, desbroces, mantemento de barreiras de contención…

. Conservación: actuacións a desenvolver por orde de prioridade, en función de criterios obxectivos e de acordo ao tipo de programa e traballos a realizar, como o saneamento de fochancas, renovación de firmes asfálticos, pintado do chan, reposición de sinais…

. Mellora: para levar a cabo a modernización das estradas co ancheamento dos carrís, facendo ou ampliando beiravías, eliminación de curvas perigosas, construción de beirarrúas, melloras na accesibilidade, creación de carrís-bici, colocación de novas luminarias…

Exit mobile version