Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG en Ribadeo propón 10 medidas para facer fronte á crise

Ribadeo, 1 de abril, 2022. Temos que saber estar ao carón da xente. Por iso o BNG propuxo unha batería de medidas urxentes que xa presentamos ante a sociedade ribadense e de toda Galiza. Temos proxecto político, capacidade de reacción e propostas concretas que mostren o camiño a seguir para superarmos entre todas e todos esta difícil situación. Non pode ser que a crise a acaben pagando sempre os sectores máis débiles da sociedade.

A inflación é un problema que nos afecta a todas as persoas. Podémolo comprobar cada día. Pero hai algúns prezos que afectan indirectamente a outros bens e servizos (como os da electricidade ou os combustíbeis), ou o dalgunhas materias primas (como o aceiro) ou doutros produtos de construción (como o aluminio).

Esta suba xeneralizada non ten unha única causa: tanto as consecuencias da pandemia como a escaseza de materias primas, o aumento do custe enerxético, os problemas de subministro a nivel mundial ou a suba dos custos loxísticos, ademais da inestabilidade política a nivel internacional, a desregulación dos mercados e as consecuentes decisións políticas tomadas tanto na Unión Europea como nos gobernos central e galego, tiveron consecuencias graves que agora notamos día a día de xeito cada vez máis intenso.

Perdemos poder adquisitivo e o noso aforro perde valor. Pero, ademais de irnos ao noso peto individualmente, esta alza de prezos tamén lle fai perder competitividade á nosa economía. O diferencial da inflación galega con respecto ao conxunto do Estado é maior. Se se reduce o consumo por mor desa suba, como imos lograr que a nosa economía remonte despois da pandemia? Hai un risco serio de empobrecemento da economía galega, co conseguinte aumento das desigualdades económicas. Por iso cómpre actuar. Por iso propuxemos 10 medidas urxentes. Con novos exemplos imos intentar explicalas un pouco máis polo miúdo.

Polo que se refire ás medidas fiscais, deberíase deflatar a tarifa do IRPF (tanto a autonómica como a estatal) e aplicar maiores gravames aos rendementos do capital mobiliario e baixar os do rendemento do traballo. A regulación das dietas de locomoción debe ser modificada para lograr unha maior exención das mesmas.

Polo que se refire ao IVE, temos que incidir na súa redución en certos produtos básicos: alimentación básica, rebaixa do IVE ao 4% para os produtos do mar; rebaixa para os produtos de hixiene persoal, tamén para os produtos de hixiene feminina; rebaixa no transporte público de pasaxeiras/os.

Evidentemente, no sector eléctrico hai que actuar de xeito drástico sobre os beneficios “caídos do ceo”; hai que desvincular o prezo da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais. E tal e como xa hai quen defende o da “illa enerxética” para a Península Ibérica, temos que insistir máis que nunca na singularidade enerxética galega.

Producimos moitísima máis enerxía da que consumimos; os nosos mellores vales foron asolagados para construír encoros; os nosos montes están cada vez máis inzados de aeroxeradores; asumimos un alto custo medioambiental e paisaxístico, pero a enerxía cústanos o mesmo que a alguén que non padece ese impacto ambiental e ademais recíbea ata a 1000 km de onde a producen. Tarifa eléctrica galega, xa!

Os salarios, as pensións e as axudas sociais teñen que ser revalorizados. Hai que facilitar o acceso á vivenda. Agora que tanto se di que esta crise se está a solucionar pensando máis na xente (e non nos bancos, como no 2008), por que non se poñen a disposición da Xunta as 2735 vivendas propiedade do SAREB en Galiza? Con elas incrementaríase o parque de vivendas de protección oficial para alugueiros.

Hai que facer cumprir a Lei de Cadea Agroalimentaria tanto por parte da Xunta como do goberno central. Non se pode tolerar a venda a perdas por parte das explotacións agrarias. Debemos actuar sobre a produción de alimentos para os animais evitando depender de produción allea. Temos que camiñar cara a modelos menos dependentes de insumos externos. Desde a Xunta débese potenciar a compra pública de pensos para coordinar a súa obtención e garantir o abastecemento.

Hai que considerar a gasolina como combustíbel profesional a efectos de bonificación en igualdade de condicións co gasóleo pesqueiro. Para o mundo da pesca e do agro é imprescindíbel aprobar axudas temporais para paliar o aumento dos custos de produción.

Todas elas son medidas que se poden levar a cabo. Eses cualificativos de intervencionismo estanse a vir abaixo coas decisións que andan a tomar noutros ámbitos (goberno central e Unión Europea). Por que imos pasar nós, galegas e galegos por menos? Por qué imos ter que soportar, desde a Mariña, desde Ribadeo o seguidismo dos ditados das organizacións políticas que se supeditan coa súa actuación ao que indiquen desde Madrid? O BNG, sempre en clave galega, sempre pensando en Galiza, insiste nestas medidas pensadas desde, por e para Galiza.

Exit mobile version