Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro súmase este sábado á celebración do Día Mundial de Concienciación do Autismo

Viveiro, 1 de abril de 2022. O Concello de Viveiro súmase á reivindicación do Día Mundial de Concienciación do Autismo, que se celebra este sábado 2 de abril. Con motivo desta data, o Concello de Viveiro iluminará de cor azul a porta de Carlos V, cor que representa ao trastorno de espectro autista (TEA). A iniciativa enmárcase no proxecto “Light Up to Blue”, a que xa se adheriron diferentes cidades en todo o mundo.

Ademais, o Concello de Viveiro estará presente no acto oficial da Federación de Autismo de Galicia, con motivo desta efeméride. A concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, participará de forma online nesta xuntanza que se celebra mañá sábado.

Dende o Concello de Viveiro trabállase para dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional a través do proxecto Viveiro Inclúe, que conta cun longo percorrido. Neste sentido, a última edición de SuperArte, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional, dedicouse precisamente a persoas con autismo.

Por último, no obxectivo de lograr un municipio máis inclusivo, dende a concellería de Benestar Social contactouse coa especialista en TEA, Marlene Horna, quen impartirá formación a familias e profesorado no inicio do próximo curso escolar. Todos estes proxectos están encamiñados a acadar para Viveiro o recoñecemento de “Cidade Amiga da Infancia” concedido por UNICEF.

Nesta liña, o goberno local continuará traballando para mellorar a inclusión destas persoas e das súas familias, co obxectivo de crear un municipio solidario e inclusivo.

Exit mobile version