Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista denuncia que a Xunta segue sen aplicar a exención de taxas portuarias para a pesca que lle reclama ao goberno central

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao goberno galego de manter paralizada a exención de taxas portuarias nos portos autonómicos que anunciaron o 17 de marzo. No debate dunha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento, lamentou que se trata da única medida anunciada pola Xunta para axudar ao sector, e que ademais nin sequera foron quen de poñer en marcha.

Criticou que “non teñan posto ningunha medida de apoio ao sector”, chegando a asegurar que “non vían acertado poñer en marcha un plan de axudas ao sector” malia que contan con marxe de abondo para axudar ao sector. A única iniciativa posta sobre a mesa foi unha exención de taxas portuarias durante só dous meses, que nin sequera teñen habilitado, e axilizar as axudas xa concedidas, propostas “moi insuficientes” para a situación actual da pesca galega.

Otero censurou que a única iniciativa coñecida pola Xunta sexa protestar diante do goberno de España, que si que puxo en marcha a exención de taxas nos portos galegos de titularidade estatal dende o 31 de marzo e durante 6 meses, 4 máis que os previstos pola Xunta.

Un goberno central, dixo, que ten liberado ademais 68,8 millóns de euros en axudas para a pesca extractiva e acuícola, a exención do canon de uso de bens de dominio hidráulico para instalacións de acuicultura continental, o aprazamento das cotas á Seguridade Social, a rebaixa de 20 céntimos ao combustible, axudas directas aos barcos e a paralización do artigo 26 do Regulamento Fempa para poder habilitar máis liñas de axudas.

Ademais criticou que a Xunta teña respondido facendo ouvidos xordos ás propostas presentadas polos socialistas galegos, por canto o “presidente ausente” do goberno galego nin tan sequera quixo recibir ao secretario xeral do PSdeG, que “lle tendía a man para colaborar nun momento tan complicado”. Os socialistas galegos propuxeron un plan de axudas específico para a pesca e o mar industria, elevar as axudas de mínimis ao máximo permitido ou a exencción de taxas portuarias.

Comité Científico

A parlamentaria socialista lamentou ademais que a Consellería do Mar constatara hoxe que “dan por aparcado, non van constituír nin poñer en funcionamento o Comité Científico Galego da Pesca”, que leva 11 anos á espera de que apliquen a modificación do seu regulamento en 2011. Daquela a conselleira explicara que pretendían cambiar a súa composición para darlle “máis operatividade e representatividade” con técnicos e científicos de recoñecido prestixio.

Sen embargo “nunca se puxo en funcionamento”, polo que “botamos en falta este organismo creado en 2004 e que en 2011 a conselleira recoñecera a necesidade de darlle un novo pulo para facelo máis operativo”. Agora anuncian a súa substitución por un novo organismo “en rede, integrado por distintos organismos da Xunta de Galicia e coa participación do goberno central, das universidades e diversos axentes”.

Sinalou a urxencia de que a Consellería do Mar active os instrumentos científicos dos que dispón e que adoecen dun “grao altísimo de parálise”. A súa aportación, sinalou, resulta fundamental de cara a argumentar a defensa dos intereses da pesca galega no caso dos TACs e das cotas pesqueiras, e que non se repita o peche da cigala a pesares de contar cun stock en bo estado, ou os recortes na pescada sur, que pasou do 18,5 ao 8 por cento.

Estes informes científicos, dixo, resultan “fundamentais” para contribuír ás decisións na UE ou na OMC e axudar ao sector pesqueiro no difícil camiño ao que se enfronta diante das consecuencias do cambio climático, o perigo de perda das exencións fiscais ao combustible pesqueiro que buscan os organismos internacionais, e que no seu caso require dunha transición ordenada e con apoio aos sectores produtivos.

Exit mobile version