Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial aproba ratificar a compra dunha acción de Tragsa e o encargo do mantemento das zonas verdes

Lugo, 12 de abril de 2022. A Deputación de Lugo, atendendo aos informes elaborados ao respecto polo servizos xurídicos da institución provincial, interpoñerá ante o TSXG un recurso de apelación contra a sentenza ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo en relación coa compra dunha acción do capital social da empresa pública Tragsa e co encargo á mesma do servizo de mantemento das zonas verdes provinciais.

Non obstante, en tanto non se resolva o recurso de apelación e co fin de extremar as garantías de seguridade xurídica das actuacións provinciais, os servizos xurídicos da Deputación estimaron procedente adoptar acordo polo Pleno no mesmo sentido que os acordos adoptados polas Corporacións ás que se fai referencia na sentenza. Por iso, esta mañá se reuniu a Corporación nunha sesión plenaria na que saíron adiante, cos votos a favor do PSdeG e BNG e en contra do PP, tres puntos de acordo para ratificar a compra da acción de Tragsa e o encargo á mesma do mantemento das zonas verdes.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, manifestouse dende o máximo respecto á Xustiza e ás súas sentenzas, pero “as sentezas en moitas ocasións cámbiaas outro Tribunal de rango superior, polo tanto, deberíamos aplicar a presunción de inocencia mentres os autos non sexan firmes”.

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, subliñou no Pleno que o Goberno da institución actuou “sempre, en todo momento, conforme a informes e criterios técnicos dos servizos xurídicos”, tanto para proceder no seu momento á compra da acción de Tragsa, como agora para recorrer a sentenza e convocar un Pleno para ratificar aquela medida.

De feito, tal e como explicou a Deputada, os servizos xurídicos, dende o máximo respecto á Xustiza, amósanse nos seus informes en profundo desacordo coa sentenza do Contencioso sobre Tragsa, rebaténdoa punto por punto, porque a Deputación de Lugo, aseguran os propios técnicos, “seguiu no procedemento de maneira clara, meridiana e palmaria todos os trámites precisos para a compra da acción da empresa pública”. Un procedemento no que foron tramitados tres expedientes: a compra da acción, a consideración de medio personificado e o encargo das zonas verdes. Uns expedientes que foron avalados por todos os informes obrantes emitidos por ata catro servizos da Deputación: Secretaría Xeral, Secretaría Xeral Adxunta, Medio Ambiente e Patrimonio, e fiscalizados cada un deles polo servizo de Intervención Provincial. “Tanto respecto merece a opinión da Xuíza que ditou a sentenza como as dos nosos técnicos”, incidindo en que o equipo de Goberno “é absolutamente respectuoso co contido da sentenza pero, alomenos, este equipo de Goberno é igual de respectuoso co que din os distintos servizos técnicos desta institución”.

García Porto detallou que convén constatar que a sentenza ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 non é firme, “e polo tanto, a Deputación non estaría obrigada á súa execución ata que adquirise esa firmeza que será, en todo caso, cando se resolva o recurso de apelación que a institución vai interpoñer”. Polo tanto, non se modifica en ningún aspecto a relación da Deputación con Tragsa como medio propio personificado.

A Deputada recalcou que a xulgadora considera que, para poder utilizar a Tragsa como medio propio, é preciso que pola Deputación se adoptase un acordo de Pleno. “Pero os nosos informes xurídicos opinan, unanimemente, que tal afirmación no se axusta a legalidade, xa que a posibilidade de utilización de Tragsa como medio propio está permitida pola propia lei, sen que sexa preciso un pronunciamento expreso polo Pleno”, afirmou. Avanzou tamén, que os informes poñen de manifesto que, de terse que adoptar ese acordo polo Pleno tal e como di a sentenza, a consecuencia de non adoptalo non sería, en ningún caso, a nulidade dos actos senón a súa anulabilidade. “Son estas cuestións puramente xurídicas, que será resoltas no momento en que se dite a sentenza de apelación, pero xa digo, para os técnicos provinciais non é, en ningún caso causa de nulidade dos actos administrativos”.

Pola súa banda, en canto á urxencia do Pleno, dixo que sempre “facemos o que nos indican os servizos técnicos da Deputación, e tanto a Secretaría Xeral como a Asesoría Xurídica poñen de manifesto que por precaución ad cautelam o mellor para a institución é adoptar un acordo no que se siga o que di esa sentenza sen prexuízo do que se razoe no recurso”. Así mesmo, advertiu que a finalidade é que a actuación da Deputación sexa de forma xurídica “o máis segura posible”.

Falta de respecto institucional do PP
Tomé Roca reprochoulle ao Partido Popular que cualificase o Pleno “como un despropósito”, cando para el un “despropósito é a súa falta de respecto institucional ao facer un acto político dentro da Deputación como fixeron”. Lembrou o Presidente que a todos os grupos políticos a institución provincial lles proporciona un lugar de reunión, polo que non se pode usar a sede da Deputación para actos partidistas.

“Nós non vimos ao Pleno para corrixir a sentenza como din, xa que iso debe facelo a Xustiza, pero o que si podemos corrixir -e ao mellor é o que a vostedes lles molesta- son os seus efectos”, dixo referíndose á bancada popular. “Rómpeselle a súa estratexia política e por iso non lles gusta este Pleno, porque quererían botar unha semana, quince días, un mese criticando este tema, pero non van ter ocasión porque isto queda zanxado ata que se resolva o recurso presentado pola Deputación”, dixo.

Pola súa banda, o mandatario provincial lembrou no Pleno que as memorias económicas que solicitaba o Partido Popular na sesión non son precisas na declaración de medio propio porque non hai custes económicos, senón que “se fan memorias económicas para cada encargo”.

Exit mobile version