Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial aprobou as actuacións que se financiarán con cargo ao Plan Único, que achega aos concellos 21,5M€

Lugo, 5 de abril de 2022. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou as propostas de actuación presentadas polos concellos para financiar con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos, así como as transferencias de crédito necesarias para adecuar os orzamentos provinciais a esas demandas. En total, o Plan Único suporá un investimento directo de 21,5M€ por parte da Deputación de Lugo, e mobilizará 25,1M€, tendo en conta as achegas que os propios concellos realizan para cofinanciar os proxectos.

Dacordo coas peticións realizadas polo concellos, os fondos provinciais distribuiranse así: 14,7 M€ destinaranse investimentos en estradas e outras infraestruturas, 2 M€ ao Servizo de Axuda no Fogar, 3,6 M€ a iniciativas de fomento de emprego, 360.000 € a actividades culturais, 128.900 € a actividades deportivas, 138.200 € a iniciativas vinculadas ao turismo, 115.500 € á organización de feiras e mercados, 179.000 € a actuacións relacionadas coa administración electrónica e a protección de datos, 14.500 € ao financiamento de servizos de Protección Civil e 202.800 € a actuacións relacionadas coa situación sanitaria provocada pola Covid-19.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que “coas transferencias aprobadas no Pleno dótase ao Plan Único dos recursos necesarios para levar a cabo todas as actuacións propostas para os concellos, que suporán unha mellora das condicións de vida de todos as veciñas e veciños” e reafirmouse na “importancia do Plan Único como mecanismo de distribución equitativa de fondos” ao tempo que “instou á Xunta de Galiza a aplicar criterios obxectivos á hora de repartir axudas aos concellos”.

Maite Ferreiro engadiu que “as propostas achegadas polos concellos demostran que o Plan Único reporta uns recursos fundamentais para o mantemento de vías municipais e doutras infraestruturas” e destacou tamén que “as actuacións relacionadas con actividades culturais, deportivas ou feiras e mercados dobraron o seu importe con respecto ao último ano”, explicando que “co traballo desenvolvido durante estes tres anos arredor do Plan Único se incentivou o investimento por parte dos concellos en políticas e iniciativas culturais e deportivas, que teñen un papel moi importante na dinamización económica e social”.

Exit mobile version