Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afea a Loureiro a falta de xestións para crear o centro de día na residencia da terceira idade

Viveiro, 6 de abril de 2022. Só á escandalosa falta de xestión do goberno municipal é atribuíble que Viveiro non conte cun centro de día para 50 persoas na residencia da terceira idade operativa nos terreos cedidos no seu día polo Concello. A alcaldesa, María Loureiro (PSOE), recoñeceu no pleno, ao fío dun rogo presentado polo PP, que nin fixo xestión algunha para conseguir o centro de día, nin ten previsto facelas. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que resulta inadmisible, inxustificable e intolerable a pasividade do goberno presidido por Loureiro, especialmente cando o centro de día é un servizo cada día máis necesario. Os populares instan á alcaldesa, María Loureiro, a saír da súa zona de confort e a iniciar as xestións necesarias para que se cumpra o convenio e Viveiro dispoña do centro de día, ao que ten dereito como resultado do convenio polo que cedeu de maneira totalmente gratuíta os terreos para o complexo residencial da terceira idade.

Rodríguez lembra que o 9 de abril do 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e Sogaserso para a construción e explotación dun equipamento xeriátrico en terreos cedidos polo Concello de Viveiro. No acordo establecíase que tería 150 prazas residenciais e aproximadamente 50 de centro de día. Posteriormente, no pleno do 5 de febreiro de 2010 aprobouse unha modificación de dito convenio, que nun dos seus puntos queda así: “O equipamento xeriátrico construído nos terreos cedidos de forma gratuíta é única e exclusivamente un centro de atención a persoas maiores integrado por unha residencia e un centro de día, cuxo funcionamento axustarase á normativa aplicable a esta clase de centros e que ten como fin esencial favorecer o colectivo de persoas maiores do municipio de Viveiro”. Rodríguez destaca que cando se levou a cabo este cambio, xa era concelleiros tanto Loureiro como o actual tenente de alcalde; polo tanto, a alcaldesa en ningún caso pode alegar ignorancia sobre o contido do convenio.

O portavoz popular, sinala: “Da intervención da alcaldesa, queda claro que non fixo xestión algunha para conseguir que Viveiro teña o centro de día ao que ten dereito porque así se estableceu no convenio polo que o Concello cedeu o terreo para o xeriátrico. É máis, deu a impresión de que descoñecía totalmente que o acordo establecía a creación do centro de día”.

Para Rodríguez, “é inadmisible, inxustificable e intolerable a pasividade do goberno local”. Engade: “Viveiro perde servizos continuamente e non é admisible que un que ten dereito a ter non o teña porque o goberno local non traballa, non se interesa polos asuntos do municipio. Este é un servizo moi importante nunha sociedade cada vez máis envellecida”.

Exit mobile version