Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés afirma que “Llano anunciou que non vai cumprir o acordo plenario sobre a reparación da casa do caminero”

Burela, 8 de abril de 2022. Os populares de Burela advirten que “o alcalde xa anunciou que non ía cumprir un dos acordos adoptados no pleno deste xoves, o relativo á reparación e posta en valor da casa do caminero”. Isto confirma “o seu pouco respecto polo máximo órgano representativo de Burela”, sinala o voceiro, Manuel Rouco.

A proposta do Grupo Municipal Popular para reparar e poñer en valor este inmoble de titularidade municipal, como así consta no inventario do Concello, que se sitúa á entrada de Burela dende o concello de Cervo “saíu adiante a pesar da voto en contra do PSOE”.

Por outra banda, tanto o PSOE coma o BNG puxéronse de acordo para opoñerse á solicitude do Grupo Municipal Popular de instar ao Goberno central a incrementar o número de prazas para a formación e posterior incorporación de médicos á Atención Primaria. “O único obxectivo destas dúas formacións para tumbar esta moción é o de seguir politizando a sanidade pública en Galicia”, explica Rouco.

Os populares condenan que “o alcalde Llano tratase de negarlle ata en dúas ocasións o turno de palabra ao Grupo Municipal Popular” e tamén que “cuestionase a capacidade da nosa compañeira Ana Álvarez, profesional da sanidade dende hai moitos anos, para expoñer unha iniciativa relativa ao incremento das prazas de Atención Primaria para o centro de saúde de Burela. Foi un comentario totalmente desafortunado e así llo trasladamos”. Polo tanto, os populares agardan que “reflexione e mude as súas formas durante as sesións plenarias da corporación municipal”.

Exit mobile version