Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Fonsagrada denuncia o pésimo estado da maior parte das estradas municipais e esixe un plan de mellora

A Fonsagrada, 19 de abril de 2022. O alcalde de A Fonsagrada, Carlos López, non ten a mellora das infraestruturas municipais entre os principais obxectivos da súa xestión. A esa conclusión chega o portavoz popular, José Luís Regueiro, á vista do pésimo estado no que se atopan moitas das pistas que dependen directamente do Concello. Indica tamén as responsabilidades en que pode incorrer o goberno local en caso de que o mal estado das vías provoque accidentes.

Os populares din que o abandono da rede municipal de estradas só pode responder ao desinterese do goberno que preside Carlos López. Destaca os inconvenientes, molestias e riscos aos que teñen que facer fronte os veciños dos núcleos aos que dan servizo as pistas que están en mal estado, cando non practicamente intransitables.

As que se indican seguidamente son algunhas das estradas municipais que se atopan en moi mal estado, segundo sinala o portavoz municipal: San Martín-Suarna, Vieiro, San Mamede, A Pastoriza-Rieiro, pistas a Goxe, Peizais, Maderne, Ferreira de Arriba, Foncuberta, a que leva ao cruce de Xoán de Lamas, pista á Reboira e a rúa Carrapitas.

Os populares resaltan que non existe planificación dende o goberno local para a mellora das infraestruturas viarias que dependen do Concello. O pouco que se intervén para mellorar os firmes, non obedece a un plan, deseñado en función de prioridades obxectivas, de maneira que se tapan as fochancas seguindo máis criterios políticos que outras consideración de carácter obxectivo.

José Luís Regueiro sinala: “Non podemos seguir así por máis tempo. O alcalde e o seu equipo teñen que poñerse a traballar, porque son moitos os veciños que o pasan moi mal a causa do pésimo estado en que están as pistas municipais. Esiximos un plan, unha programación, con dotación orzamentaria suficiente, e que se poñan a traballar canto antes”.

Exit mobile version