Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo entende que a eliminación de dúas prazas de auxiliar de axuda no fogar “demostra unha privatización encuberta do servizo por parte do goberno local”

Ribadeo, 29 de abril 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, considera que “a eliminación de dúas prazas de auxiliar de axuda no fogar por parte do goberno do BNG demostra unha privatización encuberta do servizo”.

Vega explica que “esas dúas prazas de persoal municipal, segundo a Relación de Postos de Traballo, xa se encontraban vacantes” e condena que “este goberno estea privatizando cada vez máis os servizos municipais”. En relación ao servizo de axuda no fogar, fai fincapé en que “este servizo se pode prestar de forma pública, como fan outros concellos da Mariña. En Ribadeo, había dúas prazas sen cubrir e este servizo préstao unha empresa privada”.

O portavoz popular condena a “falta de coherencia” do BNG que esixe a outras administracións a cobertura de prazas cando este goberno tiña dúas prazas sen cubrir. Tamén esixen que este servizo sexa público 100%; pero cando o ten que prestar un goberno do BNG, non o fai”.

Vega critica a xestión do goberno do BNG que “suprime dúas prazas de auxiliar de axuda no fogar e anuncia a creación postos de traballo, pero que son temporais”.

O Grupo Municipal Popular quere “un Concello que preste servizos aos veciños e que blinde a prestación de forma pública de servizos que consideramos fundamentais, como é o caso do servizo de axuda no fogar”.

Exit mobile version