Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro presentou a solicitude de pleno extraordinario para que o goberno local aclare que fixo para conseguir o local para a residencia de Aspanane

Viveiro, 01 de abril de 2022. O grupo municipal do PP leva unha vez máis a iniciativa no Concello de Viveiro e, como anunciou, acaba de solicitar un pleno extraordinario para coñecer que xestións que ten feitas o goberno local para dotar á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPANANE) da residencia que necesita, cada día con máis urxencia. Os populares queren que, nesta sesión plenaria, a alcaldesa, María Loureiro, dea conta de todo o feito, cronoloxicamente, polo equipo de goberno e o resultado deste traballo; pretenden que a rexedora responda ás preguntas que consideren oportunas todos os grupos municipais sobre esta cuestión. Os populares, como alternativa á sesión extraordinaria, admiten que estas cuestións se traten no próximo pleno ordinario

O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez considera que a situación que se está a producir en Aspanane, como consecuencia da demora na determinación da ubicación da súa residencia, require que por parte do concello se adopten as medidas precisas e que se faga canto antes.

Os populares din que dende hai catro anos dáse unha serie de circunstancias que fan que Aspanane non dispoña da necesaria residencia. Explican que os rapaces foron facéndose maiores e, o que é máis preocupante, os seus país e nais tamén. Pensando no futuro, as familias atópanse diante unha situación de incerteza, o que causa desasosego e moita preocupación.

No seu momento, o portavoz popular, Óscar Rodríguez, lembrou que no ano 2019 elaborouse un borrador de convenio a tres bandas: Deputación, Concello e Xunta. A Administración autonómica encargaríase de acondicionar a antiga escola de Celeiro para a Escola de Idiomas, e así quedarían liberados os locais para a residencia de Aspanane. O edificio da antiga escola pertence a tesourería da Seguridade Social. Cando se solicitou a cesión do inmoble, a Seguridade Social demandou o abono de 700.000 euros. Rodríguez sinala: “É algo inaudito, porque en moitos outros concellos, a Seguridade Social cedeu os locais sen custo algún; foi unha demostración do pouco peso que ten a alcaldesa socialista no PSOE. En todo caso, o asunto leva durmido varios anos e é preciso tomar decisións, porque o tempo xoga en contra”.

Rodríguez insiste en que se a opción que estaba prevista non é posible, é necesario buscar outra fórmula e o goberno local ten que xogar o papel que lle corresponde neste asunto.

Exit mobile version