Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o goberno provincial demostra verdadeira “avaricia política” ao devaluar o Plan Único para reservar cartos para convenios con concellos do PSOE e do BNG

Lugo, 4 de abril de 2022. O Plan Único da Deputación de Lugo caracterízase porque se rexe por criterios obxectivos para o seu reparto. Por iso non lles gusta a socialistas e nacionalistas, que prefiren repartir os cartos mediante convenios cos concellos de ideoloxía afín. O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegura que “o pleno extraordinario que mañá celebrará a Deputación provincial é o pleno da avaricia política, do PSOE e especialmente do BNG, porque nesa sesión aprobarase ao mesmo tempo devaluar o Plan Único 2022, o máis devaluado dende que no 2017 Campos e Candia deseñaron este plan, para sacar cartos para convenios con intereses única e exclusivamente políticos como vén demostrando o equipo de goberno con concellos con afinidade política co bigoberno”. Unha vez máis, “sae máis beneficiado o BNG, que apenas representa a catro concellos desta provincia; volven deixar de lado á grandísima maioría, dos concellos, especialmente aos máis pequenos”.

Castiñeira destaca que o bigoberno provincial saca cartos do reparto obxectivo que é o Plan Único para darllos aos afíns ao goberno bipartito, e moi especialmente ao BNG. “Isto é a esquerda da que presumen na provincia de Lugo. Lamentablemente é a esquerda que sufrimos todos os concellos; a maior parte deles precisan unha ampliación do Plan Único para poder pagar as súas facturas”.

Este é un Plan Único co que se van a facer moitas menos obras, segundo sinala o portavoz popular. Afirma: “É un plan que se ve devaluado polo bipartito sen ningún tipo de boa intención, unicamente intentando sacar rédito político cos fondos da provincia, o que é moi grave”.

Exit mobile version