Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP intensifica a proximidade cos lucenses cunha web máis dinámica e interactiva, na que incorpora o chat do cidadán

Lugo, 7 de abril de 2022. O PP intensifica a proximidade cos lucenses cunha web máis dinámica e interactiva, na que incorpora o chat do cidadán, a través do que calquera persoa pode enviar a súas propostas ou queixas, e así acertar mellor nas decisións e na liña de actuación da formación de caras ás eleccións de 2023.

Tal e como informou a presidenta provincial, Elena Candia, será o vicesecretario de Fomento, Afiliación e Programas, José Manuel López Rodríguez, o que se encargue de canalizar todas as mensaxes de WhatsApp de xeito que a resposta sexa o máis inmediata e precisa posible.

Os populares elixiron o día de hoxe para a presentación e activación do novo portal porque “España comezou a pasada fin de semana unha nova etapa”. “Os valores que representa o presidente Feijóo son traballo, cercanía e xestión; os mesmos valores, dixo, que intentamos transmitir con esta iniciativa que abrimos hoxe á sociedade lucense”, destacou ao tempo que remarcou que “o que intentamos cada día que isto sexa a nosa carta de presentación para convencer aos nosos veciños e veciñas desta provincia”. Tal é así que se referiu ao presidente do Partido Popular como “o mellor arquitecto para construír unha alternativa a un Pedro Sánchez , que non está á altura das circunstancias, e que ata fixo bo a Zapatero”, sentenciou.

“Facer provincia”
Na nova páxina está representada toda a estrutura do Partido pero tamén todas aquelas liñas de actuación “nas que traballamos para mellorar a nosa provincia”; de aí que o formato elixido para facer pública a páxina www.ppdelugo.es fose un almorzo informativo con produtos “que nos representan como lucenses; en definitiva, como provincia”.

Precisamente, neste traballo de facer provincia, destacou que 19 agrupacións municipais xa renovaron a súa estrutura -Ribadeo, Viveiro, Burela, Vilalba, Monforte de Lemos, O Incio, Páramo, Guntín, Friol, Sober, Portomarín, O Corgo, A Fonsagrada, Baleira, Muras, Rábade, Monterroso, Trabada e Baralla-, e adiantou que, despois da Semana Santa, se retomará a programación que se viu paralizada debido á convocatoria do Congreso Nacional. Neste senso, adiantou que Chantada será a próxima agrupación que elixirá nova directiva. Ademais, constituíronse dúas xestoras: Sarria e A Pastoriza. “Isto implica que creamos importantes grupos de traballo de cara á municipais e que suman medio millar de persoas; estruturas fortes para presentar alternativas gañadoras nas municipais. Somos un Partido que está medrando. A sociedade lucense nos mira con expectativas e con miras de recuperar gobernos e tamén a Deputación”. A este respecto, Elena Candia defendeu a importancia do cambio no organismo provincial. “Dos 7 días que ten a semana, Tomé dedícalle 4 a Monforte. Temos matematicamente unha Deputación sen presidente. Non o di Elena Candia nin o PP, senón o propio presidente”, detallou.

Características da nova web
O desenvolvemento da nova páxina é o de web responsive e totalmente adaptada a todos os dispositivos (móbiles, tabletas, ordenadores…). Para a súa creación empregouse o CMS WordPress, debido a que é moi amigable cos motores de busca e isto facilita o seu posicionamento en Google. Mantense en todo momento a imaxe corporativa, respectando as cores e tipografías oficiais. O backend de WordPress, así como o editor visual empregado (Elementor) facilita a xestión de contidos das persoas que se encarguen dos contidos web. É, por tanto, unha páxina dinámica, interactiva, escalable e aberta a novas funcionalidades.

Elena Candia estivo acompañada da CEO de Pekecha –empresa creadora do portal-, ademais de por outros cargos orgánicos como o secretario xeral, Javier Nodal, o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, o voceiro do Grupo Provincial, Javier Castiñeira, e o voceiro e vicevoceiro do Grupo Municipal de Lugo, Ramón Carballo e Antonio Ameijide, respectivamente.

Exit mobile version