Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos de Foz, Alfoz e O Valadouro presentan o proxecto de obradoiro dual de emprego de xardinería Terras do Ouro 2022

A Mariña, 9 de abril, 2022. Trala aprobación no plenario dos tres concellos, presentaron este venres día 8 a solicitude de subvención á Consellería de Emprego e igualdade da Xunta para a convocatoria deste ano 2022.

“Creemos que é fundamental xerar emprego nun momento de incertidume como o que estamos a vivir. Os obradoiros son unha moi boa oportunidade para que as persoas máis vulnerables e desempregadas encontren unha nova profesión e teñan unha opción de futuro. Agardamos que a Xunta dispoña fondos suficientes para que ningún obradoiro se quede fóra e as administracións locais podamos seguir ofrecendo estas opcións”-indica o alcalde de Foz, Fran Cajoto.

O obxectivo do obradoiro e conseguir unha formación de calidade dirixida a persoas desempregadas conducente á obtención dos certificados de profesionalidade de xardinería nas especialidades “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría (AGAO0108), “Actividades Auxiliares en conservación e mellora de montes (AGAR0309) e “Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes (AGO0208)”. Ao mesmo tempo, durante a súa formación os alumnos crearán e acondicionarán zonas verdes para ofrecer aos cidadáns un entorno óptimo para o seu disfrute.

O alcalde de Alfoz Jorge Val destaca que “o obradoiro forestal que temos actualmente en marcha entre os tres concellos está a funcionar moi ben, cuns alumnos moi implicados: isto animounos a repetir a experiencia e volver solicitar a subvención necesaria para este novo taller formativo”

Edmundo Maseda, alcalde de O Valadouro, indica que “os profesionais forestais teñen saída laboral e a xardinería tamén. Demándanse bos traballadores para moitos ámbitos: obradoiros coma este son unha oportunidade para formar xente e ofrecer perspectivas de traballo”.

Exit mobile version