Site icon Crónica3.com A Mariña

Quixote chega este sábado a Burela

Burela, 6 de abril, 2022. A nova obra da Compañía Pedras de cartón que nace na Coruña, mais cunha visión aberta ao exterior, coa intención de crear espectáculos de teatro clásico que podan chegar ao maior número de públicos posible.

A compañía conta para esta tarefa con profesionais cunha ampla traxectoria no teatro para a infancia e a xuventude, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo teatro.

Co primeiro espectáculo, Lazaro de Tormes, conseguen unha Mención Especial do Xurado no 43º Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

Pedras de Cartón aposta por adaptar os clásicos a novas linguaxes e estéticas, que podan resultar atractivas para o público máis mozo.

Quixote é o segundo espectáculo de Pedras de Cartón. Esta vez afrontase o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, contado en clave de comedia.
Cunha estética inspirada no pallaso clásico (moi ao estilo Fellini ) e en clave de clown, traballando as escenas máis icónicas da novela, da relación antogónica entre Quixote e o seu fiel escudeiro Sancho.

En canto aos elementos escénicos, cóntase cunha proposta que evoca o circo clásico. Un Velocípedo no que vai montado Quixote é Rocinante, e un triciclo no que vai montado Sancho é o peculiar Rucio, o asno de Sancho Panza. Os dous elementos están fabricados por un artesán coruñés e feitos a medida para o espectáculo.

Rocinante é delgado, branco e elegante. Rucio un asno cargado de maletas ( neste caso o triciclo vai cargado de vellas maletas de madeira).

Ao fondo da escena xógase cuns paneis de madeira que representan diferentes figuras xeométricas que combinan listóns de madeira e teas de raias con aire castelán.

Na parte dianteira, ao estilo dun vello circo, colócanse unhas candilexas que aportan unha bela luz cálida á escena e delimitan a pista do circo.

O resto de elementos de atrezo e de escena ( maletas, muíños de vento para a escena dos muíños, libros e teas) xogan unha estética que camiña entre o antigo e o circense.

A banda sonara orixinal está creada, ao igual que na anterior peza “Lazaro de Tormes” , por Davide González. Para a banda sonora inspirouse no cinema de Fellini levado ao universo quixotesco.

Para o vestiario contouse con Diego Valeiras , que re-interpreta a esencia do pallaso clásico, para adaptalo á imaxe icónica de Don Quixote e Sancho Panza.

A dramaturxia do espectáculo é de Juan Rodríguez, que realizou a adaptación sen texto do Lázaro de Tormes.

A dirección é de Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, que dirixiu conxuntamente con Pablo Sánchez o anterior espectáculo da compañía .

Quixote está interpretado por Juan Rodríguez, que representou máis de 20 espetáculos para a infancia e a xuventude con Caramuxo Teatro, cos que conseguiu o María Casares ao mellor espectáculo infantil e recoñecementos na Red Nacional de Teatros, entre outras mencións.

Sancho Panza está representado por Pablo Sánchez, un profesional cun recoñecido traballo no campo do clown e o teatro físico, que participou en espectáculos de compañías como San & San, Elefante Elegante, Teatro dos Ghazafelhos, Os Contos de Pablísimo ou Trinke Trinke.

QUIXOTE é un xogo cómico inspirado na coñecida obra de Miguel de Cervantes. Un espectáculo para achegar os clásicos a toda a familia, nunha proposta chea de humor e case sen palabras, na que Don Quixote viaxa polas terras de Castela no seu velocípedo, acompañado do seu fiel Sancho e un triciclo cargado de maletas.

Ficha do espectáculo:

Dramaturxia: Juan Rodríguez.
Dirección : Laura Sarasola.
Quixote: Juan Rodríguez.
Sancho: Pablo Sánchez.
Luces: Dani Pais.
Banda sonora: Diego Valeiras.
Atrezo: Pedras de Cartón e Tigre de Papel.
Técnico: Suso Jalda.
Voces: Laura Sarasola e Juan Rodríguez.
Duración do espectáculo: 50 minutos.
Público: Infantil – Familiar ( +3 anos).

Exit mobile version