Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación impulsa a estabilización laboral de 110 traballadores e traballadoras

Tomé destacou que o Goberno provincial actúa desde o convencemento “de que a estabilidade laboral e as boas condicións de traballo son fundamentais para asentar e consolidar uns servizos públicos modernos, áxiles, de calidade e capaces de evolucionar de acordo coas necesidades da cidadanía”

Lugo, 19 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a institución impulsará este ano un proceso de estabilización laboral de 110 prazas ocupadas ata o momento por persoal temporal. Fíxoo este xoves, despois de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o acordo acadado no seo da Mesa Xeral de Negociación, conformada pola Administración e as forzas sindicais que representan aos traballadores e traballadoras, que fixa os criterios da Oferta Pública de Emprego (OPE) deste 2022 para desenvolver o proceso de estabilización do persoal da Deputación en aplicación da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público impulsada polo Goberno de España.

O mandatario provincial puxo en valor o acordo conseguido, que contou cos votos a favor de UXT, CC.OO. e CSIF, e coa abstención da CIG, pois a administración podería ter promovido a estabilización sen o diálogo cos sindicatos, pero “este Goberno ten a firme vontade de chegar sempre aos maiores consensos posibles cos representantes dos traballadores e traballadoras da institución, dun xeito especial en todo o que ten que ver coas súas carreiras profesionais ou situación laboral”.

O Presidente subliñou que este é un acordo que beneficia a todas as partes: “É importante para os traballadores e traballadoras que se van beneficiar dun xeito directo; importante para a Deputación de Lugo e a administración local, porque avanzamos na estabilidade no emprego público; e importante para os veciños e veciñas da provincia, porque esta aposta pola estabilidade ten por obxectivo último seguir avanzando na mellora da prestación dos servizos públicos e o noso traballo de cooperación cos concellos”.

José Tomé incidiu na relevancia do acordo “porque senta as bases do proceso que sacaremos adiante a través da Oferta Pública de Emprego deste ano 2022 para a estabilización dun total de 110 prazas”, engadiu o Presidente, quen apuntou que se trata “dunha mellora significativa das condicións laborais de máis dun cento de persoas, ás que daremos estabilidade e seguridade no emprego”. “Facémolo cumprindo co espírito da nova Lei e dende o convencemento de que a estabilidade laboral e as boas condicións de traballo son fundamentais para asentar e consolidar uns servizos públicos modernos, áxiles, de calidade, e capaces de evolucionar de acordo coas necesidades da cidadanía”.

A Oferta Pública de Emprego da Deputación de Lugo deste ano 2022 incluirá, a maiores da estabilización de 110 prazas ocupadas ata o momento por persoal temporal, un total de 19 prazas de acceso libre.

Exit mobile version