Site icon Crónica3.com A Mariña

A pesca reivindícase no XXIII Encontro Empresarial e as XXIX Xornadas Técnicas de Expomar

Burela, 19 de maio, 2022. A 23ª edición do Encontro Empresarial de Organizaciones Pesqueras abriu este xoves pola mañá o programa de actividades de Expomar 2022, que reuniu a 18 das entidades máis representativas da frota galega e asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional para debatir sobre os principais problemas que afronta o sector pesqueiro.

Ao finalizar o ‘Encontro’ a conselleira de Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, e o presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, visitaron aos representantes do sector.

As conclusións derivadas do traballo da mañá fixéronse públicas na primeira sesión das Xornadas Técnicas a cargo da secretaria adxunta de CEPESCA, Rocío Béjar.

A inauguración das Xornadas correu a cargo da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, que antes incluso de coñecer as conclusións do ‘Encontro’ ofreceuse para colaborar co sector pesqueiro na solución das súas reivindicacións.

A conselleira estivo acompañada polo presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; o presidente das federacións nacional e provincial de confrarías e patrón maior da confraría de Burela, Basilio Otero; o presidente do Galp A Mariña-Ortegal, Javier Martínez; e a concelleira de Mar de Burela, Carmela López.

A 29ª edición das Xornadas Técnicas Expomar mantén o seu formato clásico aberto ao público de forma presencial e tamén se pode seguir en directo desde a web www.expomar.com.

A primeira xornada “Xestión pesqueira e mercado europeo” contou coas intervencións de Ignacio Gandarias Serrano, director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do MAPA; Daniel Voces, director de Europêche; e Pedro Reis, secretario xeral do Consello Consultivo de Mercados. Esta primeira sesión estivo moderada polo secretario xeral do Comité Consultivo de Pesca de Augas Lonxanas LDAC, Álex Rodríguez.

O venres pola mañá celébrase a segunda xornada “Sostibilidade, saúde e comportamentos de compra” coa participación de Cristina Cucullo, mánager da área de estudios ao consumidor de KANTAR; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón. Esta segunda sesión estará dirixida pola secretaria adxunta de CEPESCA, Rocío Béjar.

A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correrá a cargo da secretaria xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, acompañada do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e Narciso González en representación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version