Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 900.000€ a contratar a 68 persoas perceptoras da Risga en 6 concellos da Mariña

Na Mariña a Administración autonómica financia a cobertura de 22 postos de traballo en seis municipios con achegas por valor de 286.000 euros

Lugo, 20 de maio de 2022. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 900.000 euros a colaborar con 19 concellos da provincia de Lugo para contratar a 68 persoas perceptoras da Risga (renda de integración social de Galicia), que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica vén de informar ás entidades locais da resolución desta convocatoria, que ofrece aos colectivos más vulnerables a oportunidade de adquirir experiencia e práctica profesional para facilitar a súa inserción laboral.

En canto á distribución das achegas, sete concellos da Zona Sur perciben 354.600 euros para realizar 26 contratos. Así, Monforte de Lemos cubrirá dez postos de traballo; Chantada e O Saviñao cinco cada un, Quiroga e A Pobra do Brollón dous respectivamente; e Ribas de Sil e Sober un.

Na Mariña, o Goberno galego destina 286.000 euros para facilitar 22 contratos en seis municipios: Foz, Ribadeo, Viveiro e Burela -cinco cada un –; un en Mondoñedo e outro no Vicedo.

Outros concellos beneficiarios son Begonte e Vilalba, que empregarán a cinco persoas respectivamente co apoio da Xunta; Lugo, que recibe colaboración para cubrir catro postos; e Outeiro de Rei, Baralla e Sarria, que farán dous contratos cada un.

A Administración galega inviste en toda a Comunidade case 7,7 millóns de euros en axudas destinadas á contratación de máis de 615 persoas perceptoras da Risga en preto de 180 concellos.

O obxectivo é proporcionar ás persoas traballadoras destinatarias -mulleres e homes en situación ou risco de exclusión social- un contrato temporal que lles permita adquirir práctica profesional necesaria para facilitar a súa inserción laboral. Neste caso dáse cobertura aos gastos salariais totais derivados da contratación por un período máximo subvencionable de 9 meses, asumindo do 50% ao 75% da xornada.

Con esta medida, a Xunta persegue mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

O Goberno galego vén de reforzar a súa aposta polos colectivos prioritarios e está a desenvolver este 2022 tres actuacións específicas para eles por unha contía próxima aos 130 millóns de euros: o plan Emprega Muller, o Emprega Xuventude e o Emprega Discapacidade-Exclusión Social. Neste último enmárcanse as axudas para que as entidades locais contraten a persoas perceptoras do Risga.

Exit mobile version