Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e a CEL organizan en Ribadeo o próximo 1 de xuño unha xornada informativa sobre as axudas para o comercio

Enmárcanse nas actividades da oficina Conecta Lugo, instalada na localidade para asesorar a emprendedores e pemes da comarca da Mariña

Ribadeo, 23 de maio de 2022. A Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) desenvolverán en Ribadeo o día 1 de xuño unha xornada informativa sobre os apoios aos que poden optar as pemes dos sector do comercio.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Jaime López, secretario da CEL presentaron hoxe esta iniciativa, que se enmarca na programación da oficina Conecta Lugo, que recentemente puxeron en marcha ambas entidades de forma conxunta nun local da casa sindical situada na Avenida de Galicia de Ribadeo.

O obxectivo é achegarse aos emprendedores e empresarios da comarca da Mariña para ofrecer asesoramento personalizado, especialmente no que atinxe á innovación, co foco posto naquelas con potencial pero que aínda non deron o paso. Tamén se desenvolven actividades divulgativas, visitas a empresas e foros sectoriais.

Neste contexto, o mércores día 1, ás 16 horas, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informará no salón de actos do edificio sindical sobre as liñas de axuda que ofrece o Goberno autonómico para este sector.

Igualmente, este xoves, 26 de maio, desenvolverase o I Foro Think Tank de turismo da Mariña. O Club Náutico de Ribadeo acollerá mesas de traballo sobre os retos do sector na comarca ou as oportunidades do Camiño Norte e do turismo sustentable.

As persoas interesadas poden inscribirse ou obter información detallada de cada unha destas actividades na páxina web da CEL.

Atención personalizada todos os días
Os técnicos do Conecta Lugo atenden a todas as persoas previa cita, que pode solicitarse a través do número de teléfono 722 890 528 ou no enderezo electrónico conectalugo@cel.es.

Asesoran sobre os programas de apoio e os recursos que pon a Xunta á disposición das pemes para que avancen en innovación e competitividade. Entre estes, préstamos directos do Igape, axudas á incorporación do deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade, subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética ou para accións de promoción exterior, todas elas convocatorias abertas actualmente.

Dende o PP de Ribadeo, o voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, amósase “satisfeito” e “contento” con que a CEL e Xunta de Galicia analicen o sector turístico de Galicia dende Ribadeo “para seguir avanzando”. Así o indica, logo do anuncio do encontro, que se celebrará no Real Club Náutico, e no que se porá enriba da mesa as potencialidades de dito sector a nivel autonómico e tamén local. Concretamente, os temas que se tratarán son: os retos do turismo en Galicia, o Camiño Norte como oportunidade para A Mariña e A Mariña como referente do turismo de calidade e sustentable.

“Será un foro no que se falará de temas moi importantes que nos afectan a todos como consumidores turísticos, pero tamén será relevante dende o punto de vista de que este é un sector que se transformou, pero que non se conforma”, destaca.

Exit mobile version