Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Santiso pintará en institutos de Mondoñedo, Burela e Foz murais inspirados na obra de Rosalía de Castro

A Vicepresidencia da Deputación impulsa estas intervencións artísticas por segundo ano

Lugo, 18 de maio de 2022. Institutos de Mondoñedo, Burela e Foz acollerán nas vindeiras tres semanas intervencións artísticas sobre Rosalía de Castro, da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A ilustradora Ana Santiso realizará, en distintos emprazamentos destas localidades, un mural inspirado nos versos de “A xustiza pola man”, do libro Follas Novas. Trátase dun deseño composto por unha serie de escenas que ilustran distintos momentos do poema, dos máis representativos do feminismo da obra de Rosalía.

“O poema esfórzase en expresar o resentemento, o odio, o desexo de venganza da muller perseguida. Sentimentos que atopamos en moitos outros poemas da autora”, explica Ana Santiso que toma como referencia para o deseño “ interpretacións deste texto como a da escritora Marina Mayoral sosteñen que Rosalía creou unha situación ficticia para dar expresión ao seu resentemento, odio, e desexo de venganza cara aqueles que a perseguiron, que se burlaron da súa condición de filla non recoñecida”. A obra realizarase con pintura acrílica.

As intervencións comezarán mañá no IES San Rosendo de Mondoñedo, onde a muralista traballará ata o 24 de maio. Do 30 de maio ao 3 de xuño, estará no IES Monte Castelo de Burela, e do 13 ao 17 de xuño, no IES de Foz.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “se trata dunha iniciativa para socializar a obra e a figura de Rosalía de Castro e poñer en valor todas as dimensións da súa figura figura de Rosalía, xa que non só falamos da autora cabeceira da literatura galega, senón tamén dun referente na defensa das mulleres da lingua, dos dereitos sociais e das mulleres, un posicionamento que recolle de forma moi viva o deseño de Ana Santiso”.

As intervencións artísticas forman parte da programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da figura de Rosalía de Castro, por segundo ano consecutivo, en colaboración con concellos e centros educativos, que este ano xa deixou a súa pegada no IES San Xillao de Lugo, no CEIP Pedregal de Irimia de Meira e no Mato Vizoso de Vilalba, neses casos con deseños de Iván Mouronte e Concepto Circo.

Os murais en Mondoñedo, Burela e Foz súmanse aos realizados o pasado ano, tamén con gran presenza na comarca da Mariña, onde se realizaron intervencións no pavillón polideportivo de Alfoz, no Campo da Cabana de Foz, a carón do teleclube de San Cosme de Barreiros, na biblioteca pública de Viveiro, no centro histórico de Ribadeo e no CEIP Juan Rey de Lourenzá.

Exit mobile version