Site icon Crónica3.com A Mariña

As unidades móbiles Coidados porta a porta da Xunta atenderon nun mes a máis de 600 usuarios na Mariña

Trabada, 6 de maio de 2022. As unidades móbiles do programa Coidados porta a porta da Xunta de Galicia atenderon dende a súa posta en marcha, o 31 de marzo, a 665 veciños e veciñas nos dez concellos lucenses que percorreron, todos eles da comarca da Mariña excepto Muras.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o programa da Consellería de Política Social recala estes días en Trabada e Foz, onde se instalaron senllos autobuses nos que se ofrecen servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 de anos que o soliciten.

En Foz permanecen desde o pasado mércores ata hoxe, e en Trabada engadirán tamén o próximo luns. Ata o de agora, as unidades móbiles xa teñen visitado na comarca os municipios de Ourol, Xove, Valadouro, O Vicedo, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Burela e Cervo.

Nas vindeiras semanas os autobuses continuarán maioritariamente na zona da Mariña. En concreto, as próximas paradas están previstas en Barreiros, dos días 9 ao 12; Ribadeo, do 10 ao 12; Lourenzá, do 13 ao 19; Riotorto, do 13 ao 18; A Pastoriza, do 19 ao 24, e A Pontenova, do 20 ao 24.

O horario de atención é moi amplo, de 9 a 20 horas de luns a venres, salvo festivos. As persoas interesadas en solicitar cita previa ou pedir información poden facelo a través do número de teléfono 622.748.283 e no enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Arias destacou que as unidades móbiles desprázanse por todos os municipios galegos -a excepción das sete grandes cidades- e permanecen entre dous e catro días en cada un para achegar coidados especializados á veciñanza sen necesidade de facer desprazamentos. Realízanse revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

A Xunta investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa entre as anualidades 2022 e 2023. O servizo está xestionado pola entidade social Afalu e para prestalo haberá oito unidades móbiles percorrendo a Comunidade, dúas en cada provincia.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial

Exit mobile version