Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo rastro solidario en Burela este domingo

Desde a delegación de Cultura animan a participar e poñer á venda os artigos que xa non se empreguen para que outras persoas lles podan dar unha segunda vida

Burela, 24 de maio de 2022. Este domingo 29 de maio terá lugar unha nova edición do rastro popular solidario, que se ubicará na praza da Mariña desde as 10 ata as 15 horas.

Realizarase co mesmo formato que se veu facendo desde o comezo desta iniciativa, que xa suma cinco anos desde a súa primeira edición no ano 2017. Poderanse expoñer ao público para a súa venda distintos artigos (agás alimentos) como libros, discos, roupa, accesorios, decoración ou artesanía.

O prazo de inscrición xa está aberto, debendo chamar á casa da xuventude nos números 982 581 141 ou 608 158 170, deixando os datos para formar parte do rastro.

O edil de Cultura, Jose Díaz, convidou a todas as persoas “a participar co único requisito de doar un quilo dalgún produto para o banco de alimentos de Burela, unha iniciativa que cumpre con tres obxectivos a un tempo: realizar unha acción solidaria para as persoas que máis o precisan, fomentar a economía circular dando unha segunda vida a multitude de cousas que xa non se empregaban, e ambientar un dos domingos das festas patronais da localidade”.

A última edición foi no ano 2021, aínda en pandemia, pero Díaz lembra que “chegaron a instalarase 18 postos, polo que agardamos poder contar este ano con moita participación e recuperar a motivación e ilusión da xente, coincidindo ademais co día posterior ao pregón na semana grande das festas patronais de Burela”.

Exit mobile version