Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira insta a Tomé a “non esconderse” e “censurar a actitude do alcalde socialista de Pol”

Lugo, 11 de maio de 2022. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, cre que o secretario xeral dos socialistas de Lugo, José Tomé Roca, que tamén é presidente da Deputación de Lugo “debe censurar o actitude do alcalde socialista de Pol, que protagonizou o pasado domingo un incidente cun mozo afeccionado do Portomarín FC”.

“Chámanos poderosamente a atención o seu silencio, sobre todo, porque é moi dado a criticar situacións doutros alcaldes, especialmente cando non son da súa cor política”, explica o popular.

Castiñeira sinala que “a actitude deste alcalde socialista non só debe ser censurada polo secretario xeral dos socialistas lucenses; senón tamén polo secretario xeral do PSdeG, o señor Formoso”. “Son moi dados a esixir responsabilidades aos demais, pero cando teñen problemas de actitudes prepotentes na súa propia casa, esconden a cabeza”, insiste.

Conduta reiterada
E é que “non é a primeira vez que pasa algo así co alcalde de Pol”. De feito, lembra o popular, “xa protagonizou nos plenos da Deputación, cando era deputado provincial, numerosos altercados incluso con compañeiros do PSOE, sendo sempre protexido polos socialistas da provincia de Lugo”. Por estes feitos, apunta Castiñeira, acaparou numerosos titulares nos medios de comunicación non só galegos, senón tamén nacionais.

Para o voceiro do Grupo Provincial Popular “esta foi a gota que colmou o vaso” e, polo tanto, defende que “deben ser censuradas estas actitudes por parte dos socialistas da provincia e por parte do presidente de Deputación de Lugo. Esperemos que non tarde moito e que non se agoche como acostuma facer o señor Tomé cando ten problemas na súa propia formación”.

Exit mobile version