Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega afirma sentirse ledo de que o delegado do Goberno central visite as obras da Xunta

Ribadeo, 5 de maio 2022. Daniel Vega manifesta, trala visita do Goberno do Estado, que “dende o Grupo Municipal Popular estamos encantados de que a única obra que puidera visitar en Ribadeo sexa a reforma do colexio Gregorio Sanz xestionada pola Xunta”.

O voceiro popular explica que “a Xunta inviste 1 millón de euros na súa rehabilitación integral que supón actuacións coma a reforma das fachadas, da cuberta, o cambio de ventás e a mellora da iluminación no interior e no exterior”. Vega incide en que “esta é a obra máis importante que se fixo en Ribadeo no que vai de mandato”.

Vega condena, por outra banda, que “o delegado do Goberno central en Galicia non se comprometera en nada do que Ribadeo precisa” e que o voceiro reivindicaba antes da súa visita.

“Pediamos o segundo acceso á autovía A-8 a Ribadeo, un acceso directo á variante dende a carretera de Santa Cruz e a mellora do pavimento da autovía do Cantábrico que está en mal estado en todo o tramo que pertence ao municipio de Ribadeo; pero nada dixo”, manifesta o popular.

Vega explica tamén que “pedimos que Costas arranxe o acceso á praia do Cargadoiro, a praia da Olga e actuar en todo o paseo marítimo. Estes si serían verdadeiros compromisos con Ribadeo”.

O popular asegura que “nos gusta moito que o delegado do Goberno veña dicir que a Xunta segue investindo no noso pobo como fixo no colexio Gregorio Sanz”.

Exit mobile version