Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous profesores croatas atópanse en Ribadeo dentro dos programas europeos nos que está a participar Apaga

Ribadeo, 23 de maio de 2022. Dous profesores croatas atópanse en Ribadeo dentro dos programas europeos nos que está a participar a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia. Ata o sábado estes docentes de FP visitarán empresas en Ribadeo, A Pontenova, As Pontes, Castropol ou Avilés e tamén centros de ensino como o CIFP Porta da Auga de Ribadeo.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, dixo que “isto enmárcase dentro doutra das actividades que estamos a desenvolver a través de Erasmus e da programación de proxectos europeos, que é a acollida de profesores doutros países. Neste caso son dous profesores dun centro de formación profesional de Zagreb, que van estar aquí con nós e visitando empresas en Ribadeo, na Pontenova, nas Pontes de García Rodríguez, en Avilés e en Mondoñedo”.

Doural explicou que “hai un apartado dedicado a reunións e visitas de carácter técnico en relación a temas relativos ao automóbil, como as visitas de hoxe ao taller de Teauto e ao Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, no departamento de Electricidade e Electrónica do Automóbil, mirando os equipos, os tipos de unidades de diagnose que se utilizan e todo nese sentido. Esta tarde estaremos en Astilleros Gondán e en Ribadeo, vendo o casco vello a zona do porto e o resto da vila. Dentro do que se pode sempre hai un apartado dedicado á visibilidade da Mariña de Lugo, que é un obxectivo importante tamén. Estes docentes de FP estarán aquí ata o sábado, cando se marcharán para o seu país”.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia engadiu que “en setembro teremos outras actividades que estamos programando neste momento, como as mobilidades que temos pendentes. Agora están uns compañeiros en Estonia e outros irán a Italia a principios de xuño. E setembro e outubro serán uns meses fortes de actividades para rematar o que aínda temos pendente do ano 2020, que vai cun retraso considerable debido á pandemia. Tamén estamos preparando o foro de innovación sobre vehículos. Polo tanto isto é un sen parar de cantidade de actividades que vamos ir facendo”.

Exit mobile version