Site icon Crónica3.com A Mariña

“E quedaron tan panchos!”, por Adrián Piñón Domínguez

Resulta que anda revolto o pobo de Ribadeo, porque o Concello fixo o que debía facer, informar a facenda das subvencións que dá, e entre os mais indignados algún deputado do parlamento de Galicia que asevera en declaracións aos medios de comunicación que o concello debería avisar aos veciños de tan estraña cousa, e que a algúns deles unha subvención dunha contía tan elevada, (como máximo pode ser de 70€), pode facer que os contribuíntes se vexan obrigados a facer a renda.

As administracións públicas, toman decisións coma as de outorgar axudas públicas, as cales nos poden gustar máis ou menos. O contexto da pandemia mundial da COVID foi un momento no que se tratou de sustentar diversos sectores, polo que se levaron a cabo distintas medidas que incidiron en ámbitos coma o do comercio.

Neste caso, o Concello de Ribadeo decidiu continuar pola súa aposta de moeda municipal, as Panchas. Este “diñeiro” que o concello financiaba, levaba implícita unha axuda pública polo que, como se indica, o aviso que debería dar o concello, está feito fai moitos anos xa, e debería coñecelo o señor deputado so polo feito de selo, chámase Lei 35/2006, a LIRPF, e foi publicada no BOE do 29 de novembro de 2006, no que evidentemente se regula o imposto e se establecen entre outras moitas cousas os obrigados a facer a declaración da renda.

Por outro lado, dende o ano 2014, o artigo 33.3 do RD 1065/2007, RGAT, sinala que as administracións públicas deben reflexar, con independencia do seu importe, as subvencións, auxilios e axudas satisfeitos polas propias administracións, sempre que tales operacións non tiveran que incluírse noutras declaracións diferentes.

Así, os indignados políticos, parecen dicir, que deben tributar os comerciantes, que non os cidadáns. E aínda por riba, sendo así, iso sería un disparate, xa que o subvencionado, o que obtén o desconto, é o consumidor final, e deste xeito estaríamos pasando a tributación aos comercios que en ningún caso son os que obteñen o beneficio final. Está o deputado, enganando á cidadanía?, Como poden trasladar a tributación a quen non obtén o beneficio final?

Explicase fácil. Fixeron o mesmo cos bonos turismo que os sanitarios recibiron como “agasallo” na pandemia. Segundo o declarado pola administración autonómica, estes bonos son un rendemento do seu traballo, cando non teñen relación laboral algunha cun ente coma a Axencia de Turismo de Galicia. No caso dos bonos comercio, e tal e como di o voceiro popular, parece que fixeron o mesmo, declaralos mal. Pero botase as mans á cabeza de que o Concello de Ribadeo o fixera ben.

Hai que ter en conta tamén, que as administracións deben ser correctas nos termos tributarios, e ningún representante municipal debería confundir “cotizar” polas Panchas, que pola contra deben “tributar” ou “declarar”, xa que a cotización é o pago de cotas, coma as da seguridade social e a tributación é pagar ao Estado, neste caso pola obtención dunha axuda pública.

Necesitamos seriedade nos nosos representantes, e non xerar discusións absurdas onde non é necesario. Os políticos deberían facer algún curso sobre fiscalidade, para non enganar aos cidadáns con opinións sen fundamento.

Adrián Piñón Domínguez.
Foro Económico da Mariña.

Exit mobile version