Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar segue a apostar pola saúde no programa das Xornadas Técnicas 2022

A Fundación Expomar celebrou este xoves 12 de maio a clausura do programa de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano”, e anuncia as ponencias das Xornadas Técnicas 2022.

Burela, 12 de maio, 2022. A clausura desta primeira edición do programa “Mens Sana in Corpore Sano” tivo lugar no centro de día da Fundación Eu Son, en Burela, coa interveción da concelleira de Mar e Servizos Sociais do Concello de Burela, Carmela López, acompañada polo xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, a directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo, e o concelleiro de Obras, Deportes, Turismo e Comercio do Concello de Burela, Ramiro Fernández.

Carmela López destacou o éxito destas xornadas, que serviron non só para informar e sensibilizar á poboación sobre o cuidado da saúde, senón para poñer en valor o traballo fundamental que realizan as asociacións locais adicadas á saúde mental na Mariña de Lugo: “Somos moi afortunados ao contar cos servizos destas tres entidades na nosa vila; debemos apoialas de maneira incondicional e grazas a estas xornadas promovidas pola Fundación Expomar puidemos poñelas en valor”.

A continuación celebrouse a última das tres degustacións de peixe dirixidas especialmente aos usuarios deste mesmo centro e mais da unidade residencial da Asociación Saúde Mental A Mariña, en Cervo. Logo das degustacións de pescada do pincho e bonito de Burela, nesta ocasión saborearon diferentes receitas elaboradas con polbo da Mariña, que se presentaron sobre pratos feitos a man no obradoiro de cerámica da propia Fundación Eu Son.

A Fundación Expomar seguirá promocionando o consumo de peixe e o coidado da saúde a vindeira semana coa celebración da 29ª edición das Xornadas Técnicas, que terán lugar como cada ano no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, e nas que participarán recoñecidos profesionais do sector pesqueiro e da saúde.

De feito, a xornada do venres pola mañá “Sostenibilidade, saúde e comportamentos de compra” presenta temas de grande interese xeral e contará coas intervencións do cardiólogo e un dos promotores da Dieta Atlántica, Guillermo Aldama; a experta en hábitos de consumo, Cristina Cucullo; e Gumersindo Feijoo, vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela e promotor da ecoetiqueta Pescaenverde.

Previamente teranse celebrado o xoves o Encontro Empresarial de organizacións pesqueiras, pola mañá, e a primeira xornada técnica “Xestión pesqueira e mercado europeo” pola tarde, tamén coa participación de profesionais referentes do sector, e que contará coa apertura a cargo da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana. As xornadas están abertas ao público con entrada libre e tamén se poderán seguir en directo a través da páxina de expomar.com

Tanto as Xornadas Técnicas como as xornadas de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano” están promovidas pola Fundación EXPOMAR e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version