Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez fala de “diálogo modélico e impecable” trala sinatura do protocolo de colaboración entre Sergas e Concello para a exeución das obras do novo centro de saúde

Ribadeo, 31 de maio de 2022. O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu a sinatura do protocolo de colaboración entre o Sergas e o Concello para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde na vila. Asinárono o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Fernando Suárez, que despois visitaron os terreos destinados a ese fin.

Na súa intervención o rexedor aludiu “ao diálogo modélico e impecable. Ao principio resultou un tanto confuso, quizais polas ansias da mala política que todo o envelena. Pero logo, cara a cara, vimos que podemos facer moitas cousas boas para a xente do común. Que é para o que estamos aquí, vostedes e nosoutros”.

Suárez Barcia lembrou que “ofrecemos, non unha, senón 5 posibles ubicacións. E vostedes estudáronas todas e delas suxeriron dúas, con preferencia para unha delas, que foi, a que ao final, escollemos. Nesta localización escollida non posuímos a titularidade dos terreos, polo que en aplicación da lexislación que nos permite establecer procedementos de expropiación baseados no interese público, pois iniciamos xa todos os tramites conducentes a obter eses terreos. Será a través dunha modificación puntual do vixente e actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. Acabamos de contratar os servizos técnicos a profesionais especializados para facer o proceso administrativo áxil, fiable e con todas as garantías”.

O alcalde dixo: “sabemos que estes procesos de modificación dos Planeamentos Urbanísticos, das autorizacións de expropiación dependen en grande medida da Xunta de Galicia para dar o seu visto e prace, algo para o que lle queremos pedir a súa mediación para non alongalo moito no tempo e que, con toda celeridade poidamos poñer os terreos libres de cargas e gravames á disposición da Consellería de Sanidade para a construción dun moderno centro de saúde con todas características que a Xunta esixe de superficie, centralidade, acceso á autovía, etc”.

Fernando Suárez sinalou que “polo tanto, en 7 meses desde que nos chegou a primeira comunicación fomos quen de artellar unha busca de solucións e de posta en común deste proxecto que sen dúbida será moi positivo para as xentes de Ribadeo e da bisbarra. Sirva isto de exemplo de colaboración institucional, máis aló da lea, da trampullada, e do regate en curto que estamos afeitos a vivir día si e día tamén con outros moitos departamentos da Xunta, sen respecto institucional e con pouco ánimo de sacar boas cousas para Ribadeo máis aló de pequenas chilindradas”.

O rexedor ribadense engadiu: e por outra banda, pídolle de xeito solemne que aínda que agora falamos de boas infraestruturas, non permita por máis tempo a situación de precariedade na que se atopa a sanidade pública primaria, especialmente no centro de saúde actual, onde os seus profesionais están ao límite da atención, con poucos recursos e con pouco persoal, especialmente nas baixas, nas vacacións, nas temporadas estivais, que non se cobren esas deficiencias e que provocan unha progresiva precarización dun dos piares mais importantes dun sistema social óptimo e potente como debe ser o da sanidade pública”.

A visita do conselleiro de Sanidade a Ribadeo deu comezo na Alcaldía, onde asinou no libro de honra do Concello. Xa no salón de pleno procedeuse á firma do protocolo para a execución das obras de construción do novo centro de saúde. Alí tamén tiveron lugar as quendas de intervencións de Julio García Comesaña e de Fernando Suárez Barcia, que despois se dirixiron ao actual centro de saúde e remataron achegándose a supervisar os terreos nos que está previsto que se levanten as novas instalacións.

Alcalde e conselleiro estiveron acompañados polo xefe da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Mónica Freire. Tamén asistiron ao acto celebrado no Concello outros edís da Corporación Municipal.

Exit mobile version