Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez valora de xeito positivo a decisión do Ministerio de anular o ditame do Instituto Xeográfico Nacional de establecer como cooficial a denominación de ‘Ría del Eo’

Ribadeo, 27 de maio de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a decisión do Ministerio de Transportes de anular o ditame do Instituto Xeográfico Nacional de establecer como cooficial a denominación de Ría del Eo. Ese departamento ven de estimar parcialmente os recursos interpostos polo Concello, pola Xunta de Galicia, pola Deputación de Lugo e por varias asociacións. O rexedor alude a irregularidades na tramitación do procedemento e lembra que as rías levan o nome da poboación mais importante ao longo da historia.

Suárez Barcia declarou que “como xa manifestamos hai meses, tiñamos observado e advertido de irregularidades na tramitación do procedemento, un procedemento administrativo moi mal tramitado pois tomáronse decisións sen motivación e con moita opacidade, e iso non é outra cousa que unha arbitrariedade, feito polo cal recorremos tanto a forma como o fondo do asunto… E que agora veñen de darnos a razón”.

Para o rexedor ribadense “houbo unha chea de argumentos históricos, científicos, académicos, de razón e de dereito para que o nome da Ría é o que é e o que foi. A Ría é de todos e todas, une e non separa, pero leva o nome do resto das rías galegas e do Cantábrico en xeral, que é o nome da poboación mais importante ao longo da historia”.

E engadiu: “confiemos agora que todos os argumentos do Concello, da Deputación, da Xunta e do resto de entidades que defendemos a legalidade e a historia, sexan tidos en conta e ese Ministerio obre a partir de agora conforme ao dereito e á razón”.

Exit mobile version