Site icon Crónica3.com A Mariña

Licitada en 314.000€ a mellora do último tramo da estrada Momán-As Pontes

Lugo, 2 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, cumpre coa palabra dada aos veciños e veciñas coa licitación en 314.000€ da mellora do último tramo que falta para completar o acondicionamento da totalidade da estrada LU-P-2204, que une o núcleo de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña. A Xunta de Goberno vén de aprobar a contratación destas obras, que afectarán ao treito que vai do punto quilométrico 8,340 ao 9,802. O prazo de execución, unha vez iniciados os traballos, é de 8 meses.

A Deputación contempla a ampliación da plataforma ata os 7 metros de ancho e o drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización en algo máis dun quilómetro e medio. Estas actuacións integran a fase final das obras de rehabilitación da estrada e súmanse ás que xa está finalizando a institución provincial entre o quilómetro 7 e 8,340 cun orzamento de 281.120€ e ás xa acometidas dende o inicio da vía ata o quilómetro 7, cun investimento próximo ao millón de euros.

O Presidente subliñou deste xeito que o esforzo inversor que fixo a Deputación de Lugo para cumprir o compromiso de rematar a renovación completa desta estrada neste mandato é importante, porque supera os 1,5M€. Tomé Roca recalcou a importancia da actuación no seu conxunto, “pois a vía vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia, dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando con As Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos a Santiago de Compostela e aos aeroportos”.

Máis de 17M€ na Terra Chá
A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 17M€ en infraestruturas viarias na Terra Chá a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 650 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 139 vías. Discorren polos municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Vilalba e Xermade.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.

Exit mobile version