Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova sesión de Euroescola co alumnado de BAC do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

Ribadeo, 25 de maio, 2022. O venres 20 de maio os grupos de 1º de Bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo foron protagonistas dunha xornada inaugurada ás 9:30 pola presidenta Roberta Metsola que saludou ás 7 escolas españolas que participamos no evento xunto a outras 90 de toda Europa. Un total de case 3000 alumnos e alumnas de 24 países nesta terceira sesión de Euroscola deste curso.

É a segunda vez que somos invitados a Euroscola das tres ocasións que houbo no presente curso. Nesta xornada os temas que se traballaron se presentaron baixo o epígrafe “Oportunidades e riscos na era dixital”, e o alumnado podía intervir directamente a través da propia plataforma do Parlamento ou a través dunha plataforma de intercambio de comunicación para todas as escolas europeas.

Antes de entrarmos en materia tivemos a oportunidade de escoitar e falar con M. Luca Parmitano, un dos astronautas da Axencia Espacial Europea, que respondeu animadamente a todas as preguntas que o alumnado puido facer na media hora que estivo con nos.
Na segunda parte da xornada, interviu Sonia Livingstone, profesora de Psicoloxía Social na London School of Economics & Political Science, que falou sobre redes sociais e ciberacoso, e animou a debater unha vez máis sobre o problema do acoso nos distintos aspectos da vida actual e nas distintas etapas da vida dos individuos.

A terceira parte do evento estivo dirixida por Markus Warasin, Director Xeral de Políticas Exteriores da UE, que falou sobre ciberseguridade e infraestruturas críticas, desinformación e noticias falsas, e os problemas da Democracia na era dixital.

Para pechar o evento entrevistamos a Heidi Hautala, vicepresidenta do Parlamento Europeo, que tamén mantivo comunicación directa con todo o alumnado que quixo intervir directamente ou enviou as súas preguntas mediante as canles establecidas.
Foron dúas horas intensas de traballo con importantes protagonistas da política comunitaria, que brindaron o seu tempo e a súa experiencia para comentar o traballo que desenvolven, algunhas experiencias, e sobre todo, para compartir con todo o alumnado presente unha xornada de debate, de actualidade e de comunicación máis alá das fronteiras. Unha ocasión que serviu para sementar valores de paz e futuro e que nos responsabiliza na tarefa de continuar expandindo os principios que a Unión Europea defende desde fai máis de setenta anos e que nos proporcionan un marco de seguridade e de progreso que debemos manter e mellorar.

A nosa tarefa como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo non remata aquí, quedan aínda proxectos e tarefas que completar e as compartiremos con toda a comunidade educativa como testemuña do traballo en pro dunha sociedade mellor.

Exit mobile version