Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela solicita unha xunta de portavoces para tratar as demandas presentadas pola ACIA

Os nacionalistas levarán propostas claras en relación co acordado nas reunións co colectivo de comerciantes

Burela, 22 de maio, 2022. O BNG ven de presentar polo rexistro do concello de Burela unha solicitude para que se convoque a xunta de portavoces e tratar nela as diversas demandas feitas pola ACIA local. O voceiro do grupo municipal do BNG, Mario Pillado, sinalou que “tivemos varias xuntanzas co colectivo de comerciantes no que nos fixeron chegar as súas demandas en relación con diferentes temáticas pero sobre todo fixéronnos moito fincapé na posibilidade dun cambio de localización para o mercado semanal”.

Continuou Pillado dicindo que “o certo é que cando se mudou a súa situación, nos entendemos que se trataba de algo provisional por mor do Covid e insistímoslle ó goberno local que debía sentarse a escoitar os colectivos afectados e chegar a unha solución que fose a mais axeitada. Agora a nosa proposta, a única seria e en firme que se fixo ata o de agora, é que os técnicos municipais informen sobre a viabilidade de levar o mercado semanal ás prazas do Concello e da Mariña, evitando así problemas cos veciños e ata que o goberno atope unha situación definitiva”

Dende o BNG cren que o goberno local non fixo os deberes respecto a este tema.

Para o voceiro do BNG “esta problemática non é nova, xa existía antes do Covid; a localización do mercado semanal levaba tempo en cuestión e xeraba controversia entre a veciñanza. O alcalde e o seu equipo deixaron pasar unha oportunidade de case dous anos para traballar nese ámbito e atopar solucións, ignorando as nosas propostas coma de costume. Era previsible que agora este tema volvera á actualidade municipal e resulta bastante elocuente que sexamos nos quen solicita unha xunta de portavoces para tratar o tema, algo que debera ter feito o señor Llano dende fai tempo”

Exit mobile version