Site icon Crónica3.com A Mariña

O cervense Antonio Basanta toma posesión como novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidirá a toma de posesión do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu esta mañá a toma de posesión de Antonio Basanta como novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica en substitución de Mercedes Rodríguez Moreda. A titular de Mar agradeceu o labor desenvolvido nos últimos anos por Mercedes Rodríguez e felicitou a Antonio Basanta polo seu nomeamento, un paso máis, salientou, na súa constante dedicación e traballo a prol do sector marítimo-pesqueiro galego.

Antonio Basanta agradeceu a confianza mostrada ao ser nomeado para o cargo e trasladou o seu compromiso total cun sector ao que está vencellado desde o inicio da súa traxectoria profesional. Ata o momento do seu nomeamento era xefe de gabinete da Consellería do Mar e anteriormente desempeñara distintas funcións nas Consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural e do Mar. Tamén foi mariñeiro de pesca e en embarcacións de servizos portuarios, docente de diferentes cursos e mestrados das tres universidades galegas e ten participado e colaborado en varios proxectos da Unión Europea.

Exit mobile version