Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES de Ribadeo na ‘Ciencia na Rúa 2022’

Ribadeo, 9 de maio, 2022. O IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou unha vez máis no Día da Ciencia na Rúa organizado polos Amigos da Casa das Ciencias da Coruña. Tras dous anos sen poder celebrar presencialmente este acto debido á pandemia, 30 alumnas e alumnos de 1º e 4º ESO acudiron á cita para expoñer os seus traballos acompañados polas profesoras de bioloxía e xeoloxía, Beatriz González e Susi Besteiro.

O alumnado de 1º eso ilustrou ós visitantes explicándolles a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosaron cranios de vaca e corzo (herbívoros ruminantes), de cabalo (herbívoro non ruminante), de can (carnívoro), de porco e xabaril (omnívoros) e de coello (roedor). Tamén ensinaron a facer trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da avespa asiática, animando a loitar contra esa especie invasora. Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, centrouse na xeoloxía da Praia das Catedrais explicando a alternancia de cuarcitas e lousas así como a evolución do cantil. Para iso, elaboraron unha reprodución en pasta de modelar das distintas fases evolutivas: faias, grutas, túnel rochoso, ollos, arcos e farallóns amosando de forma moi didáctica o retroceso do cantil. Ademais, o alumnado tivo a oportunidade de visitar a Casa das Ciencias, o planetario, os stands dos outros centros e participar en numerosas actividades e xogos que se desenvolveron ó longo da xornada.

En definitiva, un sábado adicado a contar e aprender ciencia no que o IES de Ribadeo axudou a redir unha homenaxe a Javier Novelle, organizador do evento durante 24 anos e falecido na pandemia pero co que colaboraron dende a primeira edición da Ciencia na Rúa e que sempre foi invitado de honra nas Feiras da Ciencia ribadenses. Noraboa a tódolos pacipantes!

Exit mobile version