Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Fonsagrada propón que o Concello bonifique o IBI de construcións de uso agrogandeiro nun 95%

Os populares tamén piden crear unha comisión de estudo do PXOM para realizar necesarias modificacións puntuais ante “os problemas de ordenación que supón na actualidade para os veciños”

A Fonsagrada, 26 de maio de 2022. O Grupo Municipal Popular da Fonsagrada proporá no vindeiro pleno que o Concello modifique a ordenanza reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI) de forma que recolla “a máxima bonificación posible -un 95%- en beneficio do sector agrícola, gandeiro e forestal do municipio”. E, para iso, “será necesario declarar ao sector agrícola, gandeiro e forestal de especial interese para o Concello da Fonsagrada”, explica o voceiro popular, José Regueiro.

O artigo 74 da Lei Reguladora de Facendas Locais, recolle a posibilidade de que os Concellos regularicen as bonificacións potestativas -ou voluntarias- tendo en conta certos criterios. Así, permite que os Concellos aproben unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto no caso dos inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración, que lle corresponderá ao Pleno acordala previa solicitude do propio Concello.

Os populares son conscientes da “importancia deste sector para o noso municipio -que conta cunha gran cantidade de produtores de Ternera Gallega Suprema-, un sector que están a vivir unha situación insostible debido á suba dos prezos das materias primas coma os pensos e dos custes de produción en xeral que inclúen o gasóleo, por exemplo”. Polo tanto, propoñen esta medida que pode adoptar o Concello en beneficio dos gandeiros e gandeiras de forma que “paguen menos polas súas naves e galpóns” empregados para a actividade agrogandeira.

Regueiro agarda que “o goberno local apoie esta iniciativa para adoptar unha medida que é posible”. De feito, “son moitos os concellos da provincia con importante actividade gandeira que teñen aprobado bonificacións deste tipo en beneficio dos seus veciños. É o caso do Corgo, Friol ou Palas de Rei”.

Comisión de estudo do PXOM
O Grupo Municipal Popular tamén esixirá na vindeira sesión plenaria a constitución dunha comisión de estudo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para realizar necesarias modificacións puntuais ante “os problemas de ordenación que supón na actualidade para os veciños” ao ser aprobado sen contestar ou subsanar moitas das reclamacións realizadas durante o período de exposición pública”.

Exit mobile version