Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente presenta aos comuneiros e comuneiras do Xistral un plan de axudas pioneiro dotado con 300.000€

Lugo, 2 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou aos comuneiros e comuneiras das 11 comunidades de montes en man común da Serra do Xistral implicados no proxecto Life in common land, que lidera a institución provincial, unha convocatoria de axudas económicas pioneira dotada con 300.0000€. Fíxoo nun encontro con esta veciñanza de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove que acolleu o curro de Santo Tomé de Recaré, no Valadouro, no que tamén participaron o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.

José Tomé Roca avanzoulles que este luns, 2 de maio, o Boletín Oficial da Provincia publica as bases e o procedemento administrativo para poder optar a estas axudas que “están pensadas para recoñecer e retribuír todo o traballo, as boas prácticas, que levan feito os comuneiros e comuneiras a través da súa actividade gandeira para manter e mellorar os hábitats de turbeiras e queirogais húmidos da Serra do Xistral, un conxunto de hábitats que é único na Europa continental”. A partir deste luns haberá 20 días hábiles para formalizar as solicitudes.
O mandatario provincial explicoulles que este tipo de axudas van ser pagos compensatorios por resultados de conservación. Trátase dunha “medida pioneira no noso país que, a raíz desta experiencia feita aquí, poderase replicar noutros territorios de España e de Europa. É dicir, queremos que esta experiencia piloto non se quede aquí, senón que continúe e que se implante noutras zonas”.
Neste sentido, o Presidente puxo en valor e agradeceu o papel das comunidades de montes veciñais para sacar adiante o proxecto Life. “Contamos cos técnicos do Servizo de Medio Ambiente da Deputación e coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, pero este proxecto non sería posible sen a participación activa e constante das comunidades de montes en man común deste territorio”, subliñou.
As axudas convócanse agora na última fase do proxecto Life in common land que comezou no ano 2017, e que remata neste 2022, co obxectivo de poñer en valor todas a tarefas feitas e o compromiso e a dedicación das comunidades de montes coa Serra do Xistral.
Cada comunidade poderá optar a unha axuda polo resultado das accións que realizou neste territorio nos anos 2019, 2020 e 2021, seguindo o modelo de xestión deseñado no proxecto Life. Algún exemplo desas accións que permitirán ver esa mellora no hábitat son as rozas, plantacións, mantemento e manexo sostible do gando nos hábitats prioritarios, control da vexetación, ou xestión das infraestruturas de xestión gandeira, como cercados e bebedeiros, entre outras.
Durante este encontro, no que tamén estiveron presentes alcaldes dos municipios participantes no programa e técnicos do Life, comprobouse o resultado dalgunhas actuacións que se fixeron no marco deste programa para a conservación e o aproveitamento sostible da Serra do Xistral.
Un sistema de pagos único
Como avanzou o Presidente, este sistema de pagos por resultados de conservación é un mecanismo financeiro de conservación innovador, xa que non subvenciona accións concretas, senón que beneficia economicamente ás comunidades de montes veciñais en man común segundo o resultado de conservación obtido coa xestión que realizan do monte. Unha xestión que responde directamente ás recomendacións detalladas polas universidades implicadas, que estableceron indicadores que permiten coñecer cal é o estado de conservación dos hábitats. Para isto foi condición indispensable que cada comunidade de montes se comprometese a integrar o Modelo de Xestión deseñado no Life in Common Land no Proxecto de Ordenación do seu monte.

Este sistema de pagos por resultados de conservación afectará a unha superficie máxima de 3.800 ha de hábitats prioritarios, ameazados de conservación a nivel europeo.

A Deputación, co rural
O Presidente explicou que dende a institución provincial se promoven diversas iniciativas, como o proxecto Life in Common Land, para aproveitar a riqueza medioambiental da provincia como unha oportunidade para dinamizar a economía vinculada ao sector primario, e desta forma, axudar a fixar poboación. “Á hora de tomar medidas que realmente sexan útiles para o rural, hai que ter en conta sempre á xente que vive e que está no rural, senón esas medidas non teñen ningún sentido e malgástanse recursos. Así o cremos na Deputación de Lugo e así tratamos de aplicalo nas nosas políticas”, detallou ante os comuneiros Tomé Roca.
O proxecto Life in common land
Life in Common Land é un proxecto europeo de conservación da natureza no ámbito da Serra do Xistral liderado pola Deputación de Lugo e que conta coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Ademais, un piar fundamental son as 11 comunidades de montes veciñais en man común da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.

A institución valora o labor das comunidades de montes veciñais en man común tanto neste proxecto como en xeral para a conservación da Serra do Xistral, un territorio de importante valor situado na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Na Serra do Xistral atópase un conxunto de hábitats único na Europa continental: as turbeiras e os queirogais húmidos. A conservación destes hábitats prioritarios na Unión Europea está estreitamente ligada ás actividades tradicionais, como a gandería de vacún e as bestas salvaxes, e aporta valores naturais importantes en tanto que constitúen un almacén de carbono clave no contexto do cambio climático e son reservorio de auga e de biodiversidade.

Exit mobile version